Galicia solicita ao Ministerio de Facenda unha reunión urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira para solucionar de xeito inmediato os impagos ás Comunidades Autónomas

Coñecemos hoxe pola web da Xunta que a Comunidade Autónoma de Galicia solicitou que o Ministerio de Facenda convoque “de xeito urxente e inmediato” o Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), para solucionar os impagos que mantén o Goberno central coas administracións autonómicas, e que no caso de Galicia ascenden este ano a 700 millóns de euros.

“O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, vén de informar que a Consellería de Facenda solicitará hoxe por carta ao Ministerio de Facenda que convoque á maior brevidade posible o CPFF, por ser este o órgano multilateral que reúne a todas as Comunidades Autónomas. A Xunta demanda que o Goberno central dea canto antes as explicacións oportunas sobre os impagos que mantén coas Comunidades Autónomas por ter bloqueada a actualización das entregas a conta, e informe das medidas que vai levar a cabo para desbloquear esta retención de fondos.

Valeriano Martínez lembrou que Galicia ten que recibir este ano 700 millóns de euros, dos cales 530 millónes están incluídos nos Orzamentos en vigor. O conselleiro insistiu en que son recursos “que son das Comunidades Autónomas, que xa están recadados polo Goberno” e que polo tanto “teñen que ser transferidos ás Comunidades Autónomas”. “Os nosos hospitais, os nosos centros de ensino e os nosos centros de servizos sociais non están en funcións”, advertiu o titular da Facenda galega.

Na súa intervención, o conselleiro recordou que a Xunta de Galicia xa trasladou hai máis dun ano esta problemática á ministra de Facenda, e tamén destacou que o Parlamento de Galicia –cun amplo consenso e ningún voto en contra– aprobou en xullo unha iniciativa para instar ao Goberno central a transferir estes recursos a Galicia.

Finalmente, Valeriano Martínez incidiu en que el mesmo trasladou por carta este problema á ministra de Facenda no mes de xullo, así como a necesidade de que o Ministerio de Facenda solvente estes impagos, sen que ata o momento se teña recibido contestación.”

Absolutamente dacordo con esta reivindicación.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.