viernes, 26 de julio de 2019

Reflexións sobre a non investidura de Sánchez e as consecuencias para Galicia do mantemento dun goberno en funcións


Hoxe o xornal “La Región” publica unha información do xornalista Pablo Galán, que titula “Os políticos ourensáns apelan a esgotar prazos e sopesar alternativas”


Di que “co futuro a nivel estatal nubrado pola errada investidura de Pedro Sánchez, Ourense non é allea á preocupación existente pola incerteza que se abre agora, dado que o reloxo da convocatoria electoral comeza a correr co prazo límite do 23 de setembro para conseguir os acordos necesarios que permitan ao Goberno abandonar a interinidade e que non se celebren uns novos comicios o 10 de novembro.

Os representantes políticos ourensáns manexan distintas visións do sucedido. Todos ven posible esgotar o prazo legal ata a convocatoria electoral para buscar un acordo, aínda que non todos apostan por unha investidura a calquera prezo. A xestión de Sánchez, tamén en cuestión. O PSOE ourensán defende a postura do seu líder.”

Entre esas opinións recolle as miñas : “mentres, o parlamentario do PP fala dun fracaso dun candidato sen vontade e moita arrogancia, entendendo que humillou ao seu socio preferente, como é Unidas Podemos. Delgado sinala que agora se di de todo, en relación á repetición electoral, e anima a Sánchez a deixarse de tantos asesores e márketing, créndose que ten máis escanos dos que realmente ten ".

Ata aquí a información. 

As consecuencias negativas para Galicia da non investidura 

O certo é que tras o gran fracaso de Pedro Sánchez, incapaz de conseguir apoios para a súa investidura vén as consecuencias.

España continúa cun Goberno en funcións, que foi incapaz de aprobar o Orzamento de 2019 e que agora continuará en funcións porque non ten apoios suficientes para formar un Goberno. E iso, obviamente, ten consecuencias moi negativas para Galicia:

A máis relevante é que, mentres PSOE e Podemos discuten por cadeiras e ministerios, Sánchez é incapaz de buscar unha solución para o máis urxente: pagar a Galicia os 700 millóns de euros que o Goberno lle adebeda.

Lembramos que a Xunta xa solicitou formalmente ao Goberno unha solución inmediata ao impago de 700 millóns de euros por parte do Executivo central. Falamos dun problema sen precedentes, posto que destes 700 millóns, 530 están incluídos nos Orzamentos de 2019. É dicir: neste momento faltan 530 millóns nas contas da Xunta.

Galicia leva meses advertindo de que a non actualización das entregas a conta está provocando xa tensións de tesourería na Administración autonómica, que é a administración que presta os servizos públicos máis importantes para o cidadán: a sanidade, a educación e os servizos sociais.

O Ministerio de Facenda comprometeuse en varias ocasións a solucionar un problema que lle compete en exclusiva, porque non hai outra alternativa para que Galicia reciba os ingresos das entregas a conta comunicados polo Ministerio en 2018.

Recordamos que o Parlamento xa aprobou este mes solicitar ao Goberno central que pague a Galicia os 700 millóns de euros que lle debe. A iniciativa foi apoiada por todos os grupos salvo o PSOE, que se abstivo.

Mentres tanto desde o Partido Popular seguimos mantendo a man tendida, para dar estabilidade a España, na área orzamentaria, territorial, e social, con 11 pactos de Estado.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta