sábado, 27 de julio de 2019

Sobre a próxima constitución das Comisións da XIII lexislatura no Congreso dos Deputados


Setembro 2016: na constitución da Comisión de Fomento da XII
Lexislatura.
O vindeiro martes día 30 constituiranse as Comisións da XIII Lexislatura. Os Grupos xa comunicaron os integrantes en cada unha delas. No meu caso o  GPP decidiu que estea nas de Fomento, Política Territorial e Regulamento.
As comisións permanentes, non lexislativas e lexislativas previstas expresamente no Regulamento do Congreso dos Deputados estarán compostas por 43 deputados, distribuídas por grupos de modo que as súas votacións respondan o peso de cada un dos grupos parlamentarios no Hemiciclo.
 Esta é a distribución por grupos parlamentarios:
-  G. P. Socialista: 15 integrantes
-  G. P. Popular: 8 integrantes
-  G. P. Cidadáns: 7 integrantes
-  G. P. de Unidas Podemos-En  Comú  Podem- Galicia en Común: 5 integrantes
-  G. P.  Vox: 3 integrantes
-  G. P. Republicano: 2 integrantes
-  G. P.do PNV: 1 integrante
-  G. P. Mixto: 2 integrantes
Son os propios grupos os que deciden que deputados formarán parte de cada Comisión e a quen nomean como o seu portavoz nas mesmas. 

No meu caso estarei nas de Fomento, Política Territorial e Regulamento.
Elección da Mesa
Na sesión constitutiva de cada unha delas elíxese, co mesmo procedemento que na elección da Mesa do Congreso, ao presidente, os vicepresidentes e os secretarios de cada unha delas.
Así, cada Comisión celebra unha primeira sesión, presidida por unha membro da Mesa do Congreso, na que se realizan as votacións, en urna e por chamamento. Para elixir o presidente, cada deputado escribe un nome na papeleta. É elixido o que obteña maioría absoluta en primeira votación ou o que teña máis votos en segunda.
 Para os dous vicepresidentes, realízase outra votación co mesmo sistema. Cada deputado escribe un nome na papeleta, e resultan elixidos os dous con máis votos. O proceso repítese para designar aos dous secretarios.
Funcións das Comisións       
As Comisións son órganos de traballo cunha participación esencial nos procedementos lexislativos, co estudo, emenda e aprobación de proxectos e proposición de lei; de orientación política, xa que tramita proposicións non de lei; e de control parlamentario, coa petición de información e comparecencia a membros do Goberno e da Administración.
Na primeira das funcións constitucionais do Parlamento, a lexislativa, as comisións tramitan os proxectos e proposicións de lei que lles encomende, de acordo coa súa respectiva competencia, a Mesa do Congreso. No seo da comisión créase un grupo reducido de deputados, o relatorio, que se encarga de revisar en primeira lectura as iniciativas lexislativas, e á vista do texto e das emendas ao articulado elabora un informe que se eleva á Comisión.
En Comisión debátense e votan o texto lexislativo e as emendas, e apróbase un ditame. Por regra xeral, o texto aprobado en Comisión, cando non se trata de proxecto ou proposición de lei orgánica nin se decidiu expresamente que vaia a Pleno, continúa a súa tramitación no Senado.
As Comisións poden pedir documentación ou acordar a comparecencia de persoas da Administración, de expertos ou de representantes de colectivos afectados ou implicados na materia sobre a que está a lexislar para escoitar as súas propostas.
As Comisións deberán concluír a tramitación de calquera asunto nun prazo máximo de dous meses, excepto naqueles casos en que a Constitución ou este Regulamento impoñan un prazo distinto ou a Mesa da Cámara, atendidas as circunstancias excepcionais que poidan concorrer, acorde amplialo ou reducilo.
Polo que respecta ás funcións de control, as Comisións, por conduto do presidente do Congreso, poderán solicitar a información e a documentación que precisen do Goberno e das Administracións Públicas; así como a presenza ante elas dos membros do Goberno para que informen sobre asuntos relacionados cos seus respectivos Departamentos.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta