O Parlamento elixe a nova presidenta da Comisión Europea: Úrsula Von der Leyen


Onte a alemá Úrsula Von  der  Leyen, foi elixida polo Parlamento Europeo presidenta da Comisión Europea. Dos 733 votos depositados, un non foi válido, 383 eurodeputados votaron a favor, 327 en contra e 22 abstivéronse.

O Parlamento está composto neste momento por 747 membros, polo que a candidata necesitaba 374 votos favorables para ser elixida (máis da metade da Cámara).A votación, secreta, efectuouse en urna.

Será a primeira muller que ocupa a presidencia da CE, tomará posesión o 1 de novembro, para un mandato de cinco anos.

Sen dúbida no resultado da votación tivo influencia o discurso previo na sesión plenaria en Estrasburgo, na que a candidata Von  der  Leyen detallou as que serán as súas prioridades políticas á cabeza da Comisión.

Dixo que a necesidade “dun planeta saudable representa o noso maior desafío e responsabilidade”. Von  der  Leyen propuxo obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos (de entre o 50% e o 55% en 2030) e comprometeuse a preparar un “tratado verde para Europa” e unha lei europea sobre clima nos seus primeiros cen días como presidenta da Comisión. Tamén avanzou que impulsará o investimento sustentable ata alcanzar un volume dun billón de euros nunha década.

Tamén considerou que a UE debe establecer unha economía que sirva á xente e, para iso, debe “repartirse a carga entre todos”, incluídos os xigantes tecnolóxicos que operan en Europa sen compensar aos cidadáns europeos polo seu acceso ao capital social e humano da UE.

Afirmou que o colexio de comisarios respectará o equilibrio de xénero, e tamén apostou por que a violencia contra as mulleres sexa definida como delito no Tratado da UE e insistiu en completar a ratificación da Convención de Istambul.

Von  der  Leyen reafirmou o seu compromiso co Estado de dereito como valor europeo e anunciou que planea implantar un mecanismo de vixilancia para toda a UE, mantendo os procedementos existentes.

Salientou que os valores europeos tamén obrigan a salvar vidas no mar e deben reflectirse nunha política fronteiriza humana. Avogou por un “novo pacto sobre migración e asilo” e a reforma do regulamento de Dublín, e adiantou que o número de gardas ás ordes de  Frontex deberá ascender a 10.000 xa en 2024, no canto de 2027. Todos os Estados membros deberán asumir a súa responsabilidade, sobre o principio de solidariedade, remarcou.

Von  der  Leyen anunciou a posta en marcha dunha Conferencia para Europa en 2020 e ao longo de dous anos, na que os cidadáns deberán ter un papel activo. Mostrouse partidaria de reforzar o sistema do candidato principal nas eleccións europeas, e abriu a porta para reconsiderar a creación de listas transnacionais. Apoiou o dereito de iniciativa do  PE e comprometeuse a presentar unha proposta lexislativa en resposta a cada resolución que a Cámara aprobe con maioría absoluta dos seus membros.

As miñas felicitacións a esta política alemá, que pertence ao Partido Popular Europeo e que agora terá que dirixirse por carta aos xefes de Estado ou de Goberno para pedirlles que propoñan candidatos para formar parte da Comisión.
As audiencias dos comisarios designados ante as comisións parlamentarias correspondentes están previstas do 30 de setembro ao 8 de outubro. O colexio de comisarios debe recibir o visto e prace do Parlamento, nunha votación prevista durante a sesión plenaria do 21 ao 24 de outubro. A votación será nominal e, para ser confirmado, o colexio terá que recibir unha maioría de votos emitidos.

Algúns dos desafíos que preocupan a Galicia

Desde Galicia esperamos que a nova Comisión que presidirá Von der Leyen sexa sensible as demandas do Goberno galego para que a nosa comunidade siga percibindo as axudas europeas que lle corresponden no vindeiro período orzamentario e se teñan en conta as nosas especificades no reparto dos fondos comunitarios.

A UE  deberá ten que ter e debe ter en conta as peculiaridades demográficas de Galicia, o bo uso que se fai dos fondos europeos, e que ademais grazas a estes fondos pódense poñer en marcha políticas que axuden a combater o envellecemento e a despoboación.

A realidade é que en Galicia hai cada vez menos mulleres en idade fértil, pero ese é un problema que non só sofre a nosa Comunidade, senón España e a Unión Europea.

Esperamos da nova presidenta que tome interese pola alimentación, a pesca e a agricultura. En relación coa primeira debe recoñecer que sector pesqueiro galego posúe máis da metade do emprego marítimo pesqueiro en España e o 10% da UE, desembarca case o 70% da pesca fresca en España e máis do 10% da UE, produce o 85% da conservas españolas de peixe e mariscos e fai que España sexa a primeira zona produtora de Europa e a segunda no mundo, e cultiva case o 15% da acuicultura europea e factura case o 5% do total da UE.

Deberá ter en conta da necesidade de adoptar medidas precautorias por parte da Unión Europea co obxectivo de protexer os intereses marítimo-pesqueiros ante o brexit.


Sobre a Política Agraria Común (PAC) os intereses de Galicia están en que esta política favoreza a incorporación dos mozos á actividade agraria para potenciar e revitalizar as zonas rurais, que se aumente o tope máximo da axuda por explotación; o aumento dun 15% do número de axudas asociadas; o establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias, etc.

Con la tecnología de Blogger.