Participo esta mañá na tertulia
do programa Voces de Galicia de
Radio Voz, que moderou Eva Millán e na que interveu tamén Ricardo García
Mira.
Falamos en primeiro lugar das
dificultades de Pedro Sánchez para concitar apoios para a súa investidura e o
consecuente risco de repetición das eleccións. Dixen que os 42 escanos de
Unidas-Podemos son imprescindibles para
sumarse cos 123 do PSOE e chegar a 165 apoios no Congreso. Conseguir os que faltan ata 176 pode resultar
moito máis fácil.
Afirmei que Sánchez está a comportarse durante estes meses coma
se tivese maioría absoluta, dun modo arrogante, pretendendo unha investidura á
carta para contar cun goberno en solitario, e con apoios por activa ou pasiva
do resto de grupos.
Engadín que é sumamente chocante que Pedro Sánchez reclame a abstención dos demais, cando no seu propio libro “Manual de
resistencia”, manifesta que a abstención do PSOE na investidura de Rajoy “foi
unha idea pésima e unha equivocación de magnitude histórica”. Debería lembrar
isto cando pide ao PP e a outras formacións políticas que se absteñan.
Sobre a consulta convocada por Podemos dixen
que como sucede sempre, os moi poucos inscritos que participarán
probablemente secundarán a posición de
Pablo Iglesias de que para investir
presidente a Sánchez é necesario chegar a un acordo integral de Goberno de
coalición onde as forzas da coalición teñan unha representación razoablemente
proporcional aos seus votos.
Falamos tamén dunha das conclusións ás
que chegan os servizos xurídicos do Estado na demanda presentada este mércores
no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Coruña contra os
herdeiros de Franco por entender que a compra do pazo de Meirás foi simulada e
fraudulenta e falseouse o título co que se rexistrou.
Dixen que alégranos
que o Goberno de España coincida cos criterios que manifestou a Xunta de
Galicia, que considera que hai razóns para reclamar a propiedade para o dominio
público do Pazo de Meirás, por razóns legais, non
políticas, por entender que debe ser patrimonio público e non patrimonio
privado. Agardemos que a Xustixa
estime esas peticións.
A moderadora
propúxonos comentar a noticia de que o ano pasado morreron en Galicia 144
persoas en accidentes de tráfico. E que eses datos inclúense as vítimas mortais
rexistradas nas travesías e dentro das poboacións.
E que a DXT destaca
que as distraccións son, desde o 2016, a primeira causa dos accidentes mortais,
co 32 %, seguida da velocidade (22 %) e do binomio alcol/drogas, o factor
decisivo no 21 % dos accidentes mortais. Dixen que nos ámbitos urbanos
constátase que tanto peóns como condutores non prestan a debida atención. Non
hai máis que ver o mal uso que se está facendo do teléfono móbil que sen dúbida
está a incidir na causación de moitos
accidentes. Tamén a falta de respecto aos límites de velocidade nos ámbitos
urbanos é un feito evidente que debe corrixirse.
Finamente Eva, quixo que
habásemos da problemática dos pisos turísticos que como no caso de
Santiago de Compostela está a xerar problemas e queixas dos hostaleiros.
Dixen, que esta oferta turística ten todo o dereito de
existir pero debe sempre cumprir o que as leis establecen. Lembrei que en
Galicia dispoñemos dun Decreto, o 12/2007 polo que se establece a ordenación de
apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na
Comunidade Autónoma de Galicia e que achega marco de seguridade, contribúe a loitar contra a competencia desleal e posibilita que os concellos regulen este uso dá vivenda.
O propio decreto xa recolle que os propios
concellos no ámbito das súas competencias poden limitar o establecemento de
vivendas de uso turístico se así o consideran.