Coñecendo o sistema Copérnico de Renfe Mercadorías


Onte con ocasión da visita a Feira Líder de Loxística, Transporte, Intraloxística e Supply Chain do Sur de Europa (SIL 2019), tiven oportunidade de determe no espazo de Renfe Mercadorías e recibir explicacións sobre o funcionamento do sistema  Copérnico, tecnoloxía dixital para o control das operacións que realizan os trens que xestiona a Sociedade.

Dispón dun Centro de Xestión Integrado de Renfe Mercadorías que funciona as 24 horas do día os 365 días do ano para facer un seguimento exhaustivo do tráfico, atender as demandas dos clientes e anticipar solucións ás posibles incidencias que se dean no transcurso do transporte. A representación dos trens que realizan cada tráfico pódese visualizar nas pantallas instaladas no propio Centro de Xestión, que vai estar integrado por un equipo multidisciplinar de profesionais cunha clara orientación cara ao cliente. 

Así o puiden constatar co exemplo dun tren que acababa de pasar pola estación de San  Estevo  do Sil, procedente de Monforte e con destino a Tui, baleiro de madeira. Esta foto dá conta do que digo.

A utilización do sistema permitirá realizar análises económicas de apoio á xestión e á toma racional de decisións. Esta análise será a base para definir a estratexia de prezos máis adecuada, simular a rendibilidade de novos proxectos loxísticos e para deseñar escenarios de explotación previos á execución que permitan incrementar o aproveitamento dos recursos e a rendibilidade das operacións.

Outro dos módulos está enfocado ao seguimento, rexistro e análise da operación. As súas principais funcionalidades son a asignación de persoal e de material, o seguimento en tempo real da operación, a localización dos trens e o seguimento dos vagóns, o rexistro das incidencias e a xeración de informes.

Grazas a esta funcionalidade, os clientes poderán acceder a unha versión restrinxida da aplicación para realizar un seguimento en tempo real dos seus tráficos o que lles permitirá mellorar a planificación de operacións complementarias ao tráfico ferroviario e axilizar a súa toma de decisións.

Sen ningunha dúbida, o uso desta tecnoloxía permitirá mellorar a operativa ferroviaria e reducir os custos de explotación.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.