miércoles, 5 de junio de 2019

Adxudicado un contrato para o control das actuacións complementarias do tramo Taboadela-Ourense

Informa hoxe  Adif Alta Velocidade que adxudicou un contrato de consultoría e asistencia para o control das actuacións complementarias na adaptación do tramo Taboadela-Ourense, dentro da Liña de Alta Velocidade ( LAV) Madrid-Galicia. 

O contrato foi  adxudicado a  GOC por 442.963,77 euros (IVE incluído) e o seu obxecto é a prestación de servizos de asistencia e consultoría para o apoio técnico e económico necesario á dirección de obra, para a correcta execución dos proxectos. 

Por medio deste contrato proporcionarase asistencia á execución de actuacións complementarias na adaptación do tramo Taboadela-Ourense, unhas obras en execución cun importe de adxudicación de máis de 7,5  M€ (IVE incluído).

Estas obras forman parte do proxecto de implantación do ancho mixto no tramo, que permitirá a circulación entre Taboadela e a entrada na estación de Ourense tanto dos futuros tráficos en ancho internacional da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia como dos tráficos que actualmente soporta en ancho ibérico, tanto de viaxeiros como de mercadorías.