miércoles, 3 de abril de 2019

Feijóo: " Vexo no interior de Galicia máis fortalezas que debilidades"

Asisto hoxe pola mañá en  Expourense a un Foro La Región no que interveu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pronunciando un discurso baixo o título "Ourense, a importancia  do interior"

Foi presentado polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Alberto Núñez Feijóo, asegurou ver no interior de Galicia máis fortalezas que debilidades e insistiu en que xa é hora dun modelo de financiamento autonómico que priorice realmente o problema demográfico, “porque non é o mesmo —aseverou— prestar servizos públicos en aldeas dispersas e pouco poboadas que en cidades. Pero si debe ser o mesmo para o cidadán que os percibe”.
Feijóo fixo esta afirmación desde a dobre lexitimidade que ten Galicia, que conta, en primeiro lugar, co respaldo de ser unha autonomía responsable, que cumpre coas obrigas; e, en segundo lugar, que ano a ano implícase a través do seu orzamento para buscar o reequilibrio territorial. Unha decisión, matizou, que non é exclusivamente gobernamental, senón que conta cun respaldo social para tentar lograr a cohesión do noso país, “porque é esa aposta colectiva a que nos pode permitir romper o círculo vicioso de menos xente-menos oportunidades e transformalo nun círculo virtuoso de máis oportunidades-máis xente”, dixo.
Neste sentido, remarcou a importancia de dar respostas sociais e traballar de forma intensa para que os servizos públicos estean á vangarda. E, avogou por non esquecer as oportunidades que se atopan en sectores como o vitivinícola, o agroalimentario, o forestal, o aeronáutico ou o turístico, convidando a todos os emprendedores a que sigan mirando ao rural, non como un vestixio, senón como unha porta ao futuro.
Se ben valorou o avance que supón que xa ninguén cuestione que a demografía é un asunto de país, e mesmo de continente, que esixe a implicación de todos, Feijóo incidiu na importancia de trasladar a todas as familias que queiran ter fillos que van contar cos máximos apoios; é dicir, non resignarse a ser un referente do problema e dar pasos importantes para ser tamén un referente dos posibles remedios.
“É un avance que xa ninguén cuestione que a demografía é un asunto de país. E tamén que todos entendamos que, detrás da realidade demográfica, hai algo máis fondo que dificultades económicas: unha nova socioloxía que ve difícil conxugar os novos modos de vida e de traballo coa decisión de ter fillos”, explicou.
Nesta liña, recoñeceu, a través de numerosos exemplos, que o pobo galego avanzou no compromiso co impulso demográfico. 
E aproveitou a oportunidade do Foro La Región para trasladar a convicción de que non se pode desligar o impulso á natalidade da necesidade de avanzar cara a horarios máis racionais. “Mellores horarios nas empresas, máis flexibilidade laboral, recursos de conciliación; son conceptos que nada teñen que ver con medidas ideolóxicas como se pensaba hai non tanto tempo. Estamos a falar da nosa propia supervivencia como país e xa imos tarde. Afecta a todos e en consecuencia require de todos”, abundou, facendo fincapé en que quen queira realmente reverter a España baleira debe enchela de recursos e de oportunidades.
Así mesmo, referiuse ás oportunidades históricas que os galegos debemos aproveitar como son a chegada do AVE ou a celebración do Xacobeo 2021. “Aspiro a que entre todos sexamos capaces de aproveitar todo o potencial e facer de Galicia unha terra máis forte, máis competitiva e máis igualitaria”, aseverou, insistindo en que a comunidade é máis forte se cada un dos seus concellos, das súas comarcas e das súas provincias planifican e non esquecen que teñen un papel que xogar en Galicia.
Logo de expresar o seu convencemento de que nin o futuro de Ourense, nin o de Galicia, nin o de España se vai conquistar con xeneralidades pasaxeiras nin aventuras extravagantes, o titular da Xunta concluíu a súa intervención recordando a José Luís Outeiriño e a José Manuel Pérez Canal, “exemplos que desmenten o mito de que Ourense ten un futuro escrito, no que —xunto coa outra provincia do interior— lle correspondería unha dependencia servil das provincias atlánticas”, afirmou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta