A magnífica noticia de que Ourense terá un Centro Galego de Innovación da Formación Profesional galega

Onte tivemos un gran acontecemento quer foi a sinatura do convenio entre a Xunta e a Deputación de Ourense para a creación do Centro Galego de Innovación da FP.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou  que a creación do polo de innovación, emprendemento e talento da FP galega converterá Ourense no centro común de alumnos, profesores e empresas vencelladas a esta modalidade, funcionando ademais como elemento de conexión e soporte para os 269 centros educativos con oferta de formación profesional.
“Un centro común para formar capital humano altamente cualificado e preparado para afrontar os retos tecnolóxicos do mercado; para impulsar o traballo en rede e a coordinación dos centros e asumir novos centros tecnolóxicos; para poñer en valor a FP, asegurando o alto nivel de inserción laboral; para impulsar a FP Dual e sumar empresas colaboradoras; e para fomentar a transferencia de coñecemento entre os principais actores sociais, empresariais e científicos”, explicou.
Resaltou que o centro contará con dúas coordinacións técnicas: unha de I+D+i, con áreas que traballarán en metodoloxías para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes, e outra de emprendemento industrial, que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos. E baixo o seu paraugas, ademais, a Rede de viveiros sumará o primeiro viveiro industrial de FP, adaptado ao desenvolvemento de actividades emprendedoras.
Ademais, o valor engadido desta infraestrutura tamén se estenderá á súa situación: a antiga Escola Fogar de Mariñamansa, un edificio abandonado –duns 2.600 metros cadrados-, que será rehabilitado, situado nun lugar estratéxico -próximo ao CIFP A Farixa, o centro de FP de referencia nesta provincia-.

Resultado da unión de esforzos e da colaboración institucional


En relación ao financiamento, Feijóo subliñou que este proxecto é resultado da unión de esforzos entre institucións. Así, a súa posta en marcha articúlase con este convenio de colaboración co que: a Deputación de Ourense achegará 5 millóns de euros; a Consellería de Economía poñerá 1,5 millóns; e a Consellería de Educación achegará 3,4 millóns para a rehabilitación do edificio, que comezará este mesmo ano e para os gastos de funcionamento do centro. “En total, un investimento de 10 millóns de euros”, sinalou, baixo a previsión da súa posta en marcha en 2020.
Máis polo miúdo, Feijóo agradeceu a colaboración da Deputación Provincial de Ourense para acoller un centro de innovación de referencia que constituirá un dos piares básicos sobre os que se cimentará o crecemento da economía da súa zona de influencia e extensible a toda a Comunidade.
“Houbo outros aos que se lles deu esta oportunidade... Intereses personalistas deixaron pasar o tren”, dixo, lembrando que intelixentemente Ourense conseguiu o que outros agora quererían.



Nesta liña, afirmou que o alumnado terá unha formación máis vinculada cos novos retos; o profesorado beneficiarase dunha maior colaboración; e o tecido produtivo nutrirase de persoal altamente cualificado e dará resposta ás necesidades tecnolóxicas das empresas.


O presidente da Xunta aseverou que a formación profesional seguirá a ser unha prioridade para a Xunta que, desde 2009, dobrou a rede de centros integrados de FP, ata chegar aos 23 da actualidade e creou ciclos adaptados á Galicia do futuro, é dicir, vinculados ás particularidades sociais e económicas da Comunidade, así como á demanda do tecido produtivo, non en van, 1 de cada 3 dos títulos actuais non existían no curso 2008/09 e hoxe existen máis de 140 títulos de ciclos formativos adaptados ao noso tecido produtivo e tamén ao catálogo nacional.
Sobre este último punto, salientou que máis de 150 empresas punteiras en Galicia están hoxe a colaborar coa FP Dual; neste momento, hai 20 viveiros de empresa máis que hai dez anos, con 29 empresas postas en marcha a través deles, e creouse o premio FP Innova, que xa vai pola terceira edición, coa participación de 8.000 persoas entre alumnado, profesorado e empresas.
“Cada vez son máis as persoas que enfocan a súa formación cara a este modelo”, abundou, lembrando que, este curso conta con 51.000 matriculados –un 47% máis que hai dez anos-, de xeito que por cada 6 alumnos de FP hai 4 de Bacharelato.
Así mesmo, case o 86% dos titulados en ensinanzas de FP están traballando, o que supón un incremento de máis de 30 puntos en 4 anos; preto do 74% dos titulados atopan o seu primeiro emprego en menos de 6 meses; e cada vez hai máis inserción laboral nas familias profesionais relacionadas coa industria 4.0 e os sectores estratéxicos para a Comunidade.
En relación á FP Dual, Feijóo precisou que máis do 90% dos alumnos que optaron por esta vía están traballando de xeito estable e o 86% do alumnado que optou por esta formación recomendaría a realización dun destes ciclos.

O presidente da Deputación Manuel Baltar, promotor e impulsor para que esta iniciativa formativa fose unha realidade na provincia de Ourense, remarcou que a innovación e o emprendemento "serán as liñas fundamentais que marcarán este centro de referencia da Formación Profesional, contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual que abranga as necesidades sectoriais do ámbito empresarial, tendo en conta tamén á universidade para desenvolver conxuntamente proxectos de investigación", dixo, engadindo que o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense "será o referente da formación profesional de Galicia e un potenciador do fomento do emprego xuvenil".

"Trátase dun espazo de xeración de ideas innovadoras, de patentes e de proxectos, que contribuirán ao desenvolvemento empresarial e social", expresou Baltar, quen definiu a esta infraestrutura como "un nodo de innovación, lanzadeiras de emprendemento e tecnoloxía: o gran centro de innovación na FP da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo dixo que hoxe "é un gran día para Ourense, para o alumnado e para o tecido económico e social de Galicia" polo acordo que posibilitará a creación deste centro, "que funcionará como referencia e conexión para todos os centros de FP de Galicia". Núñez Feijoo destacou "os datos positivos da FP en Galicia", "cun 47 % máis de alumnos que fai dez anos, e con 51.000 estudantes que cursan esta formación na nosa comunidade autónoma". Tamén se referiu a que o 86 % dos titulados de FP teñen traballo e que, deles, o 74 % atopa emprego nos seis primeiros meses de rematar a súa formación, ascendendo a máis do 90 % a porcentaxe dos titulados de FP que atopa traballo en Galicia.

A creación do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense ten a súa razón de ser debido ao grande protagonismo que nos últimos anos está a acadar a Formación Profesional, adaptándose á evolución do tecido social e económico de Galicia, de xeito que a día de hoxe existen 140 títulos de ciclos formativos adaptados ao tecido produtivo. A aposta por unha formación de calidade, innovadora e próxima ao territorio, con metodoloxías de vangarda como a FP Dual, supuxeron un gran incremento da inserción laboral e un aumento notable das matrículas.

O Centro Galego de Innovación da FP de Ourense impulsará proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, proxectos empresariais e transferencia aplicada de patentes, para evolucionar no ámbito da innovación e potenciar unha FP adaptada á industria 4.0. Desta maneira, favorecerase a creación de sinerxías co sector produtivo, sendo o Inorde –organismo da Deputación de Ourense- unha peza clave de nexo co dito sector para a transferencia de coñecemento dos centros á industria.

Tamén Baltar propuxo que esta infraestrutura formativa leve o nome de Eduardo Barreiros, singular emprendedor e empresario, un dos persoeiros máis importantes da España e da Europa do século XX, e de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento.

Parabéns á Xunta e a Deputación, e moi expresamente ao presidente Manuel Baltar, que foi decisivo para que este Centro sexa pronto unha realidade.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.