No faladoiro de "Voces de Galicia" en Radio Voz


A miña primeira intervención nos medios de comunicación deste ano foi esta mañá na tertulia radiofónica do programa Voces de Galicia de Radio Voz que nesta ocasión moderou Eva Millán, e na que participo Iván Puentes.

Falamos en primeiro lugar dos problemas da atención primaria en Galicia e dixen que consideraba moi positivo que da recente reunión  celebrada o 18 de decembro entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o equipo directivo do Sergas con profesionais de todas as áreas sanitarias, do Consello Galego de Médicos, dos colexios profesionais de enfermería, farmacia e fisioterapeutas, e das asociacións de médicos de familia e das sociedades científicas, xurdira a creación de seis grupos que abordarán especificamente, a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para 2019 na atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a formación e a investigación e a relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.

E que froito dese traballo acordado agárdase poder contar coas primeiras conclusións dos expertos no vindeiro mes de febreiro.

Dixen que o compromiso cunha sanidade pública de calidade do Goberno de Feijóo é evidente  e por iso contamos con mellores hospitais e centros de saúde públicos, o que non quita para recoñecer a existencia de carencias que deben solventarse.

Eva Millán propúxonos falar de "Programa  Escolle", unha actividade preventiva e de formación do  concello de Ourense na que participaron 33 menores de idade con denuncias por consumo de alcol en lugares públicos.

Valorei de modo moi positivo este programa que posibilita a substitución de sancións económicas e pensando para aumentar a percepción de risco asociado ao consumo de alcol, mellorando a información e coñecementos dos mozos.

Neste sentido citei o Relatorio de estudo “Menores sen alcol” que foi aprobada pola Comisión Mixta para o Estudo do Problema das Drogas, na súa sesión do pasado día 24 de abril de 2018.

Constatan os expertos algúns datos moi preocupantes, como que os menores se inicien no consumo de alcol aos 14 anos. E doutra banda, que máis dun terzo dos menores de 17 anos afirma  emborracharse unha vez ao mes, mentres que tan só 3 de cada 10 menores din non consumir nunca bebidas alcohólicas.

Outro dato moi preocupante son as grandes cantidades que inxeren os nosos menores, sobre todo as fins de semana. Así, hoxe, máis de 700.000 menores admiten beber cinco ou máis copas nun curto espazo de tempo. É dicir, un consumo de “ atracón” que causa importantes danos para a súa saúde. E que polo menos 6.000 menores foron ingresados por comas  etílicos no ano 2016.

Resaltei a gravidade do tema e que o informe xurdido no Relatorio Menores sen Alcol é froito do traballo de 38 expertos que achegaron os seus coñecementos científicos e académicos así como as súas experiencias e investigacións sobre o consumo de alcol dos menores en España.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.