Na presentación do Proxecto de ampliación do Hospital Universitario de Ourense

Asisto esta tarde ao acto de presentación do Proxecto de ampliación do Hospital Universitario de Ourense 2019, presidido polo Presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que a reforma do Hospital Público de Ourense continuará o ano que vén, “sen facer parénteses”, cunha nova fase que suporá a construción dun novo edificio e a reforma integral do materno infantil.
Feijóo reeditou hoxe o compromiso de acometer, “sen agardar”, as fases que faltan para que este hospital público quede preparado para as próximas décadas, baixo tres retos básicos aos que dar resposta: integrar a hospitalización de adultos, pediátrica e xinecolóxica; modernizar o 100% de todas as áreas de hospitalización; e centralizar as áreas diagnósticas e preparar a futura reforma das consultas e áreas docentes e administrativas.
Deste xeito, incidiu en que, de forma inmediata, se impulsará un novo edificio ao que se prevé trasladar a hospitalización que resta por modernizar, ben comunicado coas restantes áreas de ingreso, servizos diagnósticos, bloque cirúrxico, urxencias e unidades de críticos. “Isto permitirá baleirar o materno infantil e proceder á súa total remodelación, creando un núcleo compacto de hospitalización e servizos que pola súa vez faciliten fases posteriores”, dixo, ao que engadiu que, a maiores, nesta fase tamén se reformarán as ás esquerdas do vello edificio de hospitalización -o edificio Cristal-, para que faga as funcións de comunicación e de apoio clínico para as zonas de hospitalización dos dous novos edificios, tanto o inaugurado en 2017 como do de próxima construción.
Así mesmo, aseverou que as tres etapas se impulsarán tendo en conta a opinión dos profesionais e dos pacientes. E, con ese ánimo, nas próximas semanas intensificaranse os contactos co fin de cumprir o obxectivo de licitar a redacción deste proxecto nos primeiros meses de 2019.
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico fixo fincapé en que a clave desta nova fase é a integración da hospitalización que permitirá poñer fin á complexidade que representa a separación física das áreas de hospitalización, cos conseguintes traslados e limitacións de accesibilidade aos servizos centrais e diagnósticos.
Deste xeito, conseguirase un núcleo compacto de hospitalización e servizos, e a unión interna tamén entre as urxencias pediátricas e as xerais. A isto hai que engadir que os novos núcleos de comunicación farán posible independizar as circulacións internas –de ingresos e do persoal- das ambulatorias. E a reforma do Materno infantil, ademais da modernización integral do edificio, fará posible a ampliación do espazo para unha área ambulatoria con acceso directo desde a rúa.
Ademais desta fase, Feijóo asegurou que, de xeito paralelo, xa se está a traballar nos usos e remodelacións necesarios para os edificios orixinais do hospital.
“A previsión é que poidamos licitar o Plan funcional e o Plan de espazos correspondente a estas actuacións no segundo trimestre de 2019”, afirmou, subliñando que, desta maneira, o Goberno galego asume o compromiso de volver a Ourense antes de que remate o próximo ano, para informar dos detalles desa última fase que completará a ampliación e reforma deste hospital público.
Melloras na atención primaria

O presidente da Xunta aseverou que este proxecto contribuirá a mellorar o día a día dos profesionais, pacientes e familiares, como xa o fixo o edificio que, cun investimento de 41 millóns de euros, se iniciou en plena crise económica e se puxo a funcionar en setembro de 2017. “Unha infraestrutura que dotou este centro de 52.000 metros cadrados adicionais, conseguindo concentrar todas as unidades nun único edificio fronte aos tres anteriores e con 287 camas máis”, explicou, referíndose tamén á adecuación de espazos no Santa María Nai, para novas consultas en oncoloxía ou na ampliación do hospital de día; coa reforma integral da área de Resonancia Magnética e TAC, que se está a piques de rematar; ou coa apertura de novos locais de restauración, aos que se sumará a nova cociña nos primeiros meses do ano que vén, tras un investimento de máis de 4,5 millóns de euros.

Feijóo concluíu aseverando que a aposta polas infraestruturas sanitarias non só pasa polo hospital como proba a construción de oito novos ambulatorios - na Merca, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, A Peroxa, O Couto, Pontedeva e en Barbadás-, aos que se sumarán outros dous –en Paderne de Allariz e en Pereiro de Aguiar-; e a reforma doutros cinco –en Carballeda de Avia, A Rúa, Muíños, Gomesende e O Bolo-.
Unhas infraestruturas que fan posible que entre un 15% e un 18% dos ourensáns teñan hoxe ao seu carón un centro de saúde novo ou renovado.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.