Visitando as obras do ramal de conexión coa Liña Convencional en Taboadela


O pasado 9 de agosto informaba nunha entrada deste Blog que nesa data visitara as obras de construción de plataforma. Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia. Tramo: Ramal de conexión coa Liña Convencional en Taboadela.

Naquela ocasión vin unhas obras que levaban un bo ritmo, a plataforma estaba moi avanzada e era moi notorio o tráfico continuo de camións movendo terra, así como operarios traballando en estruturas de aceiro.

Pois ben, hoxe domingo, aproveitando o bo tempo viaxei novamente en coche ata Taboadela e logo vestido de deporte, fixen correndo todo o traxecto entre o comezo deste tramo ata o punto final da plataforma da LAV  no tramo Ponte Ambía-Taboadela.

Trinta e oito días despois da miña anterior visita, constato un notable avance na explanación e no movemento de terras da plataforma. Están construindo estruturas para pontes, e todo indica que o mes de agosto foi ben aproveitado pola empresa adxudicataria.

Lembrar que con data 26 de febreiro de 2018 adxudicaronse estas obras a COMSA,   S.A.U. O importe de adxudicación total foi de 5.327.818,02 euros. O contrato formalizouse o 20 de marzo de 2018 e o prazo de execución previsto no prego é de doce meses.

Volverei novamente dentro dun par de meses para ver como evolucionan as obras deste ramal que permitirá a continuidade da conexión ferroviaria de alta velocidade entre a cidade de Ourense e a Meseta, mentres se tramita e constrúe a Variante Exterior de Ourense.






Ponte no remate do tramo Ponte Ambía-Taboadela



Con la tecnología de Blogger.