Jesús Vázquez presenta a su candidatura á Alcaldía de Ourense, coa intención de seguir xestionando "ourensanamente" e "con sentidiño”


Participo hoxe no acto de presentación de Jesús Vázquez como candidato á Alcaldía de Ourense polo Partido Popular, nas vindeiras eleccións municipais de 2019 nun fermoso lugar, o Campus Universitario de Ourense, no barrio de As Lagoas, onde se deron cita máis de cincocentos militantes e simpatizantes e cargos do Partido.

Falou en primeiro lugar o presidente provincial Manuel Baltar , destacando que “neste tempo, o noso candidato demostrou a súa capacidade de diálogo, o seu talante e educación” para quen estes cualificativos marcan “a diferenza con outras formacións, cuxo comportamento convertiron en infames estes tres anos de mandato”.

Os cidadáns han entender que Ourense non pode permitir que eses comportamentos teñan paralizada a cidade “e que Jesús Vázquez é o candidato que pode darlle o pulo que necesita”. O candidato, engadiu Baltar, “e a imaxe da cooperación con outras administracións, coa Deputación, coa Xunta, colaboración que ten e terá a súa repercusión positiva en Ourense”.

Manuel Baltar lembrou que hoxe se celebra o Día Internacional da Democracia “e que mellor escenario que este –en referencia ao campus universitario- para falar de talento, de creatividade, de innovación, que é o que cualifica ao Partido Popular de Ourense, ademais de ser berce do pensamento galeguista”.

Logo foi o turno do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que asegurou que a cidade de Ourense non só tivo que enfrontarse á crise e sortear as dificultades cotiás que supón a xestión pública, senón que tamén tivo que superar o boicot constante da oposición. “Unha oposición que acabará o mandato sen facer nada pola cidade e que non ten ningún proxecto”, dixo.

Lembrou que o rexedor chegou ao cargo despois dun mal goberno e que seguirá no mesmo despois dunha mala oposición.

“Eu invito aos ourensáns que dubiden se teñen o mellor alcalde e miren cara os alcaldes das outras cidades”, apuntou, e lembrou que hai partidos que miran aos seus alcaldes con bochorno, con desconfianza, sen ilusión e coa dúbida de saber exactamente a que se dedican.

“Nós miramos a Jesús e vemos traballo, ganas, balance, proxecto, ilusión e futuro”, dixo, e engadiu que fronte aos que serven con soberbia el faino con humildade, sen someterse a chantaxes ou ameazas para sumar maioría.

Feijóo aseverou que para optar á Alcaldía de Ourense o partido escolleu a un home traballador e que sempre antepón o servizo aos demais por riba das preferencias persoais. Ademais, puxo en valor o camiño de diálogo e de política construtiva que iniciou Jesús Vázquez, baseado en que os veciños atopan ao seu alcalde na rúa cun sorriso e unha palabra amable. “Ese camiño pode non ter pedras e así avanzar con máis intensidade e velocidade. E podemos quitar esas pedras con votos nas próximas eleccións”, apuntou.

O presidente do PPdeG lembrou que non hai aliados na oposición para facer medrar a Ourense, pero si na Xunta de Galicia. Por iso, e pola perseverancia do alcalde, a cidade ten unha nova escola infantil de 82 prazas que pronto se converterá nun centro interxeracional con 80 prazas máis de centro de día, e o primeiro campus periférico especializado de Galicia, que é o Campus da Auga. “Tamén un proxecto para unha estación intermodal que avanza a velocidade de cruceiro e un hospital público ampliado”, engadiu.

Alberto Núñez Feijóo comprometeu que a Xunta seguirá traballando para acondicionar a rúa Otero Pedrayo, para rehabilitar varias vivendas do centro histórico, e tamén o enlace do Polígono de San Cibrao coa A-52. “E seguiremos traballando para poñer en valor a Ponte Vella e consolidala como un atractivo turístico de primeiro nivel”, dixo. Ademais, avanzou que a Xunta traballará para facer realidade o proxecto do ecobarrio e que A Ponte sexa un referente europeo en eficiencia enerxética, e lembrou que o Goberno galego acaba de presentar un proxecto para un novo centro de discapacidade.

Logo falou Jesús Vázquez, que comezou dando as grazas “á miña familia que vive comigo o día a día desta tarefa e honra de gobernar unha cidade como Ourense. Sen vós non tería chegado ata aquí, e grazas a vós preséntome hoxe coa enerxía renovada para chegar máis lonxe que nunca.

Dixo que “Fai apenas tres anos e medio anunciaba a miña candidatura para ser alcalde desta cidade. A tarefa que nos esperaba era inmensa, pensei naquel momento. Non me equivocaba”. Engadindo que “hoxe vólvome a presentar ante vós para presentar a miña candidatura á reelección como alcalde de Ourense e crédeme que o fago coa mesma ilusión que naquel momento, pero máis agradecido por cada mostra de agarimo que recibín nestes anos.”

Dixo que “Unha cidade como Ourense non se xestiona soa. Necesita unha xestión con  sentidiño”.

E para elo, lembrou que é preciso un equipo que sexa capaz de ter visión de futuro, “con proxectos como os que se desenvolven na Molinera, con máis de 35.000 usuarios no último ano. Como o Albergue de Peregrinos que se inaugurará nas próximas semanas. Como o Centro para persoas discapacitadas para maiores de 21 anos, unha demanda social de toda a provincia que terá o seu espazo propio na nosa cidade e que xa visualizamos. E, por suposto, o noso gran proxecto o EcoBarrio da Ponte, que será un referente non só en España, senón en toda Europa e presentarémolo en  Bruxelas como un gran expoñente do aproveitamento enerxético en plena cidade, cun modelo sustentable pioneiro”.

Resaltou que “trátase de crecer poñendo en marcha proxectos necesarios que redunden en mellorar a calidade de vida da nosa xente, como a Estación Intermodal de  Norman  Foster. Como a mellora das Pontes: a Ponte Romana, Ponte Nova e Ponte do Milenio, símbolos de Ourense e que conseguimos mellorar grazas tamén ao esforzo da nosa negociación coas distintas administración”.

No seu discurso dixo que “unha cidade como Ourense necesita  sentidiño, para poñer en marcha medidas concretas para as familias, para os mozos e tamén saber que temos moitos veciños maiores. Hai que escoitar as súas necesidades e darlles solucións aos seus problemas. Pero sobre todo, hai que conseguir que teñan unha boa calidade de vida. Por iso, o equipo que goberno que lidero presentou un “Pacto social de goberno” que garanta a estabilidade financeira nos casos de extrema necesidade e urxencia social, para que non haxa lugar á confrontación en temas que son tan sensibles.

Porque falamos de que a xente poida ter asistencia en dependencia, en comedores escolares, en axudas para os sen teito. Algo co que non se debe negociar goberne quen goberne. Foi unha proposta pioneira na que non nos apoiou a oposición, pero levarémolo no programa electoral e asinarémolo insisto, goberne quen goberné”.

Con rotundidade falou de que “unha cidade como Ourense, necesita, en definitiva un Modelo de cidade propio que responda as nosas necesidades, inquietudes e a nosa propia realidade.

Un modelo de cidade que traslade unha forma de vivir con calidade de vida, cuns servizos personalizados, cunhas infraestruturas que nos permitan movernos con axilidade, cuns espazos que fomenten a creatividade e a innovación, cuns programas que garantan a calidade de vida das familias, as que non teñen problemas e as que si os teñen. Que pense nos problemas que a sociedade demanda. “

Lembrou que “como alcalde de Ourense, chegamos a acordos con todas as administracións para desenvolver grandes proxectos.

Como alcalde de Ourense, colaboramos con institucións, fundacións, organismos que nos permiten poñer en marcha actividades sociais e de formación que son un exemplo e un orgullo.

Como alcalde de Ourense, tendín a miña man para falar, conversar, negociar, discutir e, sobre todo para chegar a acordos.

Seguro que puidemos facer as cousas mellor, pero asegúrovos que a nosa intención sempre foi e será a de resolver, a de solucionar cada problema coa man tendida a todos os grupos que conforman o pleno municipal. Lamentablemente, non podo dicir o mesmo do resto dos grupos. Esta cidade é coñecida polas pontes que a historia nos deixou e que antes citaba, e nunca deixarei de tendelos en honra a esa historia co fin de mellorar o que vós, os cidadáns, puxestes nas nosas mans."

Apuntóu que "Moitos dos que estades aquí vístesme en momentos difíciles, pero non creades que son débil. Só son humano. E aféctame non poder facer as cousas coa axilidade que requiren, sobre todo nos temas sociais, que son para nós unha prioridade.

Pero asegúrovos que cada día repóñome, penso que estou aquí para servir a todos e cada un de vós e, direivos unha cousa….

En tesón, non me gaña ninguén!”

E pechou  dicindo que “contamos e contaremos cun gran equipo: con vocación, con decisión, con ganas, que lle pon moito esforzo por sacar adiante cada proxecto.  Somos o Ourense que quere a Ourense.”





Con la tecnología de Blogger.