No faladoiro de Voces de Galicia en Radio Voz


Participo esta mañá - desde Ourense e vía telefónica - no faladoiro radiofónico do programa Voces de Galicia de Radio Voz que dirixe Antía Díaz Leal e na que interveu tamén Pepe  Lorenzo.

Falamos en primeiro lugar da noticia que hoxe publica o diario La Voz de Galicia sobre que "a piques de cumprirse dez anos desde o estalido da crise financeira internacional, o mercado laboral aínda non se recuperou da crise global que se desatou a continuación provocou nas economías de todo o mundo. E en concreto que a recuperación do emprego en Galicia  vai máis lenta."

En primeiro lugar – para centrar a cuestión - fixen unha breve comparación entre o que ocorría en 2011 cando chegou o PP ao goberno e o que ocorre agora.

En 2011 a economía española acumulaba tres anos sen crecemento e a actividade caía un 1%. En 2017 a nosa economía encadeaba catro anos de crecemento, e tres anos crecendo por encima do 3%, o último ao 3,1%.

En 2011 destruíronse 521.900 postos de traballo, o que supoñía perder 1.430 empregos ao día. En 2017 creáronse 490.300 postos de traballo, é dicir, creáronse 1.340 empregos ao día.

En 2011 o déficit das Administracións Públicas superaba o 9,6% do PIB. En 2017 o déficit foi do 3,1%, polo que se reduciu en dous terzos.

Exposto o anterior aludín aos últimos datos de afiliación á seguridade de xullo de 2018.

A afiliación media á Seguridade Social alcanzou no conxunto de España 19.042.810 ocupados en xullo, a maior cifra global do últimos dez anos. Hai que remontarse ata agosto de 2008 para atopar un dato superior ao rexistrado este último mes (19.137.556).

O número medio de afiliados en Galicia á Seguridade Social situouse o pasado xullo en 1.021.545 ocupados, cifra que supuxo un aumento de 15.046 persoas afiliadas máis respecto ao mes anterior (1,49 %). Unha cifra que non se alcanzaba desde xullo de 2011, hai 7 anos.


A Comunidade galega segue creando emprego cun aumento das afiliacións no último ano do 2,50 %, é dicir, 24.947 máis. É a maior subida dende 2007.

Falei do último dato de parados rexistrados nas oficinas dos Servizos Públicos de Emprego en xullo que acreditan en España que a cifra total de parados rexistrados é de 3.135.021, a máis baixa desde decembro de 2008. Iso supón que desde máximos rexistrados en febrero de 2013 (5.040.222), o paro reduciuse en 1.905.201 persoas.

E dín o dato de que o paro rexistrado de Galicia baixou en xullo en 6.653 persoas con respecto a xuño (un – 3,91 %). 


O número de parados queda en 163.412, a menor cifra desde setembro de 2008.

Dixen que estos datos obxectivos levan ao optimismo, pero hai que recoñecer que queda moito camiño por avanzar para que haxa máis ocupados e un traballo de maís calidade.

Lembrei tamén o indicador dEnquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao segundo trimestre de 2018 que evidencia que Galicia contaba con 175.000 parados (26.500 menos que hai un ano).E con 1.075.800 ocupados, 26.900 máis que hai un ano.


A taxa de paro sitúase nun 13,99 %, 2,12 puntos menos que hai un ano, baixando nas catro provincias e continúa sendo inferior á España en 1,29 puntos. (Galicia: 13,99; España: 15,28). 

Falei de que Galicia é unha das Comunidades donde é máis evidente a recuperación económica e que iso está permitindo incrementar os orzamentos autonómicas e adicar máis recursos para as políticas sociais.

Citei como exemplo que o orzamento total de 414 millóns para maiores e discapacitados para este ano pon de manifesto que a achega para esta área medrou un 50% nestes nove anos o que fai posible que hoxe en Galicia haxa máis de 57.000 persoas con dependencia atendidas.

Antía, quixo logo que falásemos do afundimento do peirao onde se celebrou o 12 de agosto o concerto de clausura de O  Marisquiño. Comentei a nota informativa difundida onte pola Autoridade Portuaria de Vigo.
 
Nela exprésase que o espazo (unha superficie de aproximadamente 700  m2 do paseo marítimo das Avenidas) é de titularidade portuaria, e que a autorización e vixilancia dun evento destas características corresponde ao Concello de Vigo, de acordo coa Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Unha normativa, que recolle no seu artigo 5 as “Competencias municipais”.

E lembra que existe un convenio de colaboración subscrito no ano 1992 entre o Concello de Vigo, o Consorcio da Zona Franca e o Porto que establece que “O Concello se compromete, durante os cincuenta anos de vixencia deste convenio, ao mantemento de toda a actuación en perfecto estado de conservación, ben cos seus propios medios ou ben coa oportuna contratación de obras e servizos”.

Dixen que confiaba na actuación do instrutor xudicial que na súa independente actividade investigadora ten capacidade para reclamar documentación, recibir declaracións, acordar probas periciais, etc.

Dixen que a gravidade do acontecido esixe que se esclarezan os feitos e  a responsabilidade que nos mesmos puidese ter a empresa organizadora do concerto do Festival O  Marisquiño e o  Concello de Vigo.

Dixen que  chama a atención que o alcalde Abel Caballero, tan protagonista de todo o que acontece  na  cidade,  neste asunto  non  teña  máis que  dicir e  máis  explicacións que dar.  Conviría que  ensinara os infórmes que avalan que a licenza municipal se  otorgou en  condicións de absoluta  legalidade e que se  cumpriron todas  as  esixencias en materia de  seguridade.




Con la tecnología de Blogger.