Galicia non pode contar con 198 M€ menos recursos do sistema de financiamento para 2019


Remata esta semana cunha importante preocupación para a nosa Comnunidade Autónoma.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou o pasado xoves, na rolda de prensa do Consello, que a Comunidade galega solicitará ao Goberno central que tome as medidas oportunas para evitar o trato inxusto e discriminatorio con Galicia ante a perda o vindeiro ano de preto de 200 millóns de euros de ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, tal e como reflicte un informe sobre a estimación dos recursos do sistema de financiamento para 2019 elaborado pola Consellería de Facenda.
Segundo os cálculos realizados pola Administración autonómica a partir dos datos facilitados polo Ministerio de Facenda, Feijóo precisou que a Comunidade tería que confeccionar os presupostos de 2019 con menos recursos do sistema de financiamento que os que tivo para facer o actual, en lugar de contar con 198 millóns de euros máis.
O responsable do Goberno galego asegurou que esta situación non é admisible ante a falla de razóns obxectivas que a expliquen. Non en van a economía española medrará o vindeiro ano un 4,2% en termos nominais; e o propio teito de gasto que presentou o Estado tamén medrará un 4%.
Así mesmo, subliñou que a redución dos recursos totais procedentes do sistema de financiamento autonómico sería un feito inédito. “Sería a primeira vez desde 2013, que foi cando caeron os ingresos de España como consecuencia da crise económica, que baixan os recursos do sistema”, dixo, incidindo en que non é comprensible que isto suceda nun momento de crecemento económico.
Logo de precisar que o principal problema atópase na decisión do Goberno central de transferir tan só once das doce mensualidades na recadación do imposto sobre o valor engadido (IVE), Feijóo resaltou que este descenso nos recursos do sistema de financiamento autonómica tería unha afectación moi importante sobre o financiamento dos servizos públicos.
O titular da Xunta insistiu en que a Administración autonómica dirixirase ao Goberno central para trasladarlle o seu desacordo e buscar unha situación de equilibrio e de respecto, “porque son –aseverou- os recursos dos galegos”.
Nesta liña, avanzou que a vindeira semana manterá unha reunión coa Ministra de Facenda, co desexo de atopar unha solución.
Galicia non poderá aprobar en tempo e forma o teito de gasto para 2019

Por último, Feijóo resaltou que a imposibilidade do actual Goberno para aprobar en Cortes a nova senda de estabilidade orzamentaria impide ao Goberno galego aprobar en tempo e forma o teito de gasto para 2019, que de xeito habitual vense aprobando no mes de xullo para a súa remisión ao Parlamento.
“O Consello de Política Fiscal e Financeira que se celebrou o pasado martes incidiu en que non ten senda de gasto e polo tanto non podemos aprobar o teito de gasto”, dixo, facendo fincapé en que, nun contexto de crecemento económico, “ninguén pode entender que Galicia teña menos ingresos que o pasado ano e que á Comunidade se lle negue un mes de IVE como consecuencia duns plantexamentos que non compartimos”.
O presidente da Xunta concluíu aseverando que o Goberno galego seguirá traballando con responsabilidade, elaborando as primeiras aproximacións ao presuposto do ano 2019.
Por suposto que como deputado galego bou facer un seguimento a este tema tan relevante paro o financiamento dos nosos  servizos públicos.

Con la tecnología de Blogger.