Asinado o Convenio para o desenvolvemento en Galicia do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021


O pasado 9 de marzo nunha entreda deste Blog, daba conta de que o Consello de Ministros, a iniciativa do ministro de Fomento Íñigo de la Serna,  aprobou un Real Decreto polo que se regulaba o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, cuxas axudas se poderán conceder con efectos desde o 1 de xaneiro de 2018, garantindo a solución de continuidade entre plans. 

O Plan Estatal e de Vivenda 2018-2021 foi elaborado coa participación das Comunidades Autónomas, Ceuta e Melilla, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e as asociacións, axentes e profesionais do sector. Trátase, por tanto, dun Plan cun elevado nivel de consenso.

Este Plan, como os anteriores, será xestionado polas Comunidades Autónomas e as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, e para ese efecto asinaranse convenios de colaboración con cada administración autonómica para a súa execución. 

O novo Plan de Vivenda ten como obxectivo fomentar a rehabilitación e rexeneración urbana e rural, ademais de incluír axudas ao aluguer.

Neste sentido, contempla axudas para o aluguer de vivendas a persoas cuxos ingresos, sumando os de todos os membros da unidade de convivencia, non superen 3 veces o  IPREM. Estas axudas serán de ata o 50% da renda e para alugueres de ata 600 euros/mes e, nalgúns supostos, ata 900 euros/mes. O límite da axuda é, con carácter xeral, do 40% da renda. Esta porcentaxe elévase ata o 50% para os menores de 35 anos e os maiores de 65.

Para os mozos, outórganse ademais axudas para a adquisición de vivenda en municipios de menos de 5.000 habitantes. Tamén se conceden axudas de ata o 100% da renda ás persoas en situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual para o aluguer de vivendas dispoñibles das entidades financeiras ou outros propietarios.

Ademais, recolle axudas para a promoción de vivendas, xa sexan públicas ou privadas, destinadas ao aluguer durante un prazo non inferior a 25 anos. Estas vivendas non poden alugarse por encima dun nivel de renda e destinaranse a familias con ingresos limitados.

Así mesmo, concédense axudas á rehabilitación  edificatoria: mellora da eficiencia enerxética, conservación e mellora da accesibilidade de vivendas e edificios; axudas á rexeneración e renovación urbana e rural con mención expresa aos supostos de infravivenda e chabolismo.

Doutra banda, concédense axudas á promoción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade con obxecto de destinalas ao aluguer durante un prazo mínimo de 40 anos. Trátase de vivendas con instalacións e servizos comúns adaptados e con aluguer limitado. Están destinadas a arrendatarios con ingresos limitados.

O Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 reforza a cooperación e coordinación interadministrativa e fomenta a corresponsabilidade no financiamento e na xestión nesta materia, cuxa competencia exclusiva é das administracións autonómicas e locais.

Convenio para o desenvolvemento en Galicia

Pois ben, hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou co Ministerio de Fomento o convenio para o desenvolvemento en Galicia do Plan Estatal de Vivenda, con horizonte ata o ano 2021, no marco do que a Xunta publicará en agosto novas axudas por importe de 12,5 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que estas novas subvencións se dirixirán á mellora da eficiencia enerxética nas vivendas; ao fomento da conservación, seguridade e accesibilidade; e á adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por mozos menores de 35 anos.

Subliñou que estas axudas se suman á convocatoria das de alugueiro, cun orzamento de case 15 millóns de euros, cuxo prazo de solicitude remata hoxe, tras ter adiantado a Xunta a súa publicación a finais do mes de xuño.

Destacou que o Goberno galego está a aproveitar ao máximo esta planificación estatal de axudas en materia de vivenda, con marcado carácter socia, tratando de axilizar as convocatorias para que os beneficios do plan cheguen canto antes aos cidadáns.

Este plan foi acordado e aprobado polo anterior Executivo español cun incremento dos recursos para Galicia de máis do 60% con respecto ao anterior, un total de 107 millóns de euros que beneficiarán a 18.700 familias, que verán mellorada as súa calidade de vida, xerándose 11.000 empregos e unha mobilización de recursos de máis de 250 millóns de euros.

A conselleira sinalou que este investimento é posible porque a Xunta ten elevado ao máximo o financiamento autonómico, cunha achega de 25 millóns de euros, o que permitiu tamén acadar o tope de investimento do estado, que ascende a 82,2 millóns.

Subliñou a grande oportunidade que o plan significa para continuar avanzando nos grandes obxectivos do Goberno galego no eido da vivenda, unha materia prioritaria. Concretou que estes recursos posibilitarán continuar coa aposta autonómica pola rehabilitación e o impulso do alugueiro, coa loita contra os desafiuzamentos e a dinamización do rural.

Celebrar tamén que o novo titular de Fomento, José Luis Ábalos decidise continuar adiante coa firma dos convenios para a execución do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 coas Comunidades Autónomas (CCAA) e as Cidades de Ceuta e Melilla.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.