"É conveniente o maior consenso ao redor da persoa chamada a presidir o PP"


Hoxe no programa radiofónico Hora 14 de Radio Galicia Cadena Ser, que dirixe Luis Pardo foi emitida unha entrevista que o pasado vernres realizoume Aída Pena.


O remate da emisión, a emisora publicou na web esta reseña:

"Celso Delgado: "É conveniente o maior consenso ao redor da persoa chamada a presidir o PP"

O deputado —coordinador durante as dúas anteriores lexislaturas dos populares galegos no Congreso— evita apoiar a Feijóo ata coñecer se se postula como sucesor de Rajoy. Como presidente da Comisión de Fomento na Cámara, avisa ao novo goberno: non pode "renunciar" aos proxectos para Galicia que teñen orzados case 900 millóns de euros.

O deputado do PP no Congreso, Celso Delgado, considera "conveniente" que exista "a maior coincidencia" ao redor da persoa chamada a presidir o PP no congreso que debe elixir o sucesor de Mariano Rajoy. Cre que é "un  desiderátum lóxico en calquera organización, por pequena que sexa"

Nunha entrevista na Cadea SER, Delgado evitou posicionarse sobre se esa persoa debe ser Alberto Núñez Feijóo, xa que o propio presidente galego dixo que dará a súa opinión "cando se convoque o congreso", algo previsto para a reunión de mañá luns da xunta directiva nacional, da que o deputado tamén forma parte.

Será entón "cando todos expresaremos a nosa formulación". Ata ese momento, "non procede falar máis que de esperar", afirmou o que durante as dúas pasadas lexislaturas exerceu como coordinador dos populares galegos na cámara baixa, un cargo que non existe neste mandato.

Ante a posibilidade de que varios dirixentes opten ao cargo, Delgado considerou que son "moitísimos" os que teñen "capacidade suficiente" para asumir esa responsabilidade. Aínda así, non prevé "ningún tipo de división, nin de confrontación, nin de problema interno" xa que o PP "sabe que é o partido máis importante de España, o que ten máis respaldo electoral" e actúa "con moita responsabilidade". Por iso, augura que o proceso de substitución finalizará "da forma máis satisfactoria, que é o que esperan os nosos millóns de votantes".

Como Feijóo mantén a incógnita, tampouco quixo "facer cábalas" sobre a posibilidade de que compatibilizase a presidencia da Xunta coa do PP. "Adoito traballar sobre feitos". "O presidente está na súa responsabilidade, para a que foi elixido polos galegos con maioría absoluta, gobernar Galicia".

OPOSICIÓN "LEAL E DURA"

O deputado por Ourense asegura que o grupo parlamentario do PP está en plena fase de adaptación tras o "cambio enorme" que supuxo pasar do goberno á oposición, pero asegura que xa "practicamente" cambiaron " o chip". Insiste en que a moción de censura "sacou de couzón" a sentenza da  Gürtel como un "auténtico pretexto" para "xuntar partidos antagónicos" coa única finalidade de "satisfacer a ambición" de Pedro Sánchez.

Delgado, presidente da Comisión de Fomento do Congreso, reclama a Pedro Sánchez que cumpra "os compromisos establecidos con Galicia" xa que nos orzamentos aprobados polo Congreso —e que o novo goberno asume— "hai 890 millóns de euros consignados por Fomento para Galicia dos que 663 son para a alta velocidade desde Zamora ata Ourense".

"Levamos investidos moitísimo nestas actuacións de alta velocidade, superamos o 80% de 4.400 millóns e hai recursos financeiros orzados suficientes para que eses proxectos, que son fundamentais, non se deteñan". Lembra que existen "outras consignacións" para "autovías, estradas, portos, aeroportos". "Hai moitísimos proxectos que están orzados dos que o goberno actual non pode renunciar nin pode argumentar falta de recursos financeiros".

Espera que o novo ministro, o valenciano José Luis Ábalos, ao que coñece como deputado "aínda que non teño unha relación intensa con el", non esqueza a "prioridade" que representa o corredor norte-noroeste de alta velocidade, "onde están as maiores carencias en materia ferroviaria" no seu "empeño" por potenciar o corredor mediterráneo. "Os compromisos con Galicia están moi moi claros e moi moi explicitados".

Delgado anticipa unha oposición "leal" pero "forte" xa que "non pode baixarse a garda sobre temas centrais que afectan o Estado español, como a súa integridade territorial" ou o crecemento económico e a loita contra o paro. Nos temas que afectan a Galicia, destaca a política agraria común ou os investimentos "comprometidos" para as fragatas que se construirán en Ferrol."



(Desde o minuto 9:50 ao 25:00

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.