Na homenaxe do Colexio de Economistas de Ourense a Manuel Gómez Franqueira


Posteriormente ao acto inaugural do Congreso de Drons, acudo onte pola tarde ao acto de entrega da distinción de colexiado de honra do Colexio de Economistas de Ourense a Manuel Gómez Franqueira, Presidente do Grupo COREN.

O decano-presidente do Colexio de Economistas de Ourense, Guillermo Díez, abriu o acto e deu conta que o 19 de febreiro deste anos, os colexiados acordaron por unanimidade distinguir ao presidente de Coren, pola súa traxectoria empresarial e a súa dedicación e contribución ao desenvolvemento da economía ourensá e galega.

Logo interveu outro ourensán, Miguel Vázquez  Taín, presidente do  Consello  Galego de Economistas, que provén dunha familia integrada en COREN e recoñeceu a  Eulogio Gómez- Franqueira e ao seu fillo homenaxeado, destacando o intanxible do " inconformismo, superación e  traballo de agregación", que son valores de Manuel  Gomez  Franqueira.

Daquela o conselleiro delegado de  Abanca, Francisco Botas, realizou a  laudatio na que puxo en valor a "innovación empresarial" e a "combinación perfecta entre fidelidade á filosofía inicial de Coren, á vez que transformou a sociedade".

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ponderou a figura "valente" do homenaxeado, "que  reinventou ou negocio,  cunha segunda transformación,  nun mercado cambiante". E destacou a súa enorme entrega á provincia e a cidade.

Foi daquela a quenda de Manuel Gómez  Franqueira que evocou dunha maneira moi informal e persoal, os recordos do seu falecido pai, Don  Eulogio,  que lle inculcou o amor ao negocio e a vocación empresarial, ademais do compromiso en axudar ás familias e dignificar e modernizar o traballo na gandería e a agricultura.

Falou dos enormes cambios que supuxo para o Grupo, a entrada de España no Mercado Común Europeo que obrigou á Cooperativa para diversificar e limitar a produción de ovos. En definitiva anticiparse ao mercado e saber reaccionar para competir e ter beneficios.
Pecou o acto o Conselleiro de Economía, Francisco Conde que  subliñou que esta estirpe emprendedora premiada esnaquiza eses mitos negativos da Galicia illada, minifundista e individualista, reticente á innovación.
“Manuel Gómez-Franqueira é galego. Son galegos os 4793 cooperativistas. Galegos son os seus produtos. E galega é a sociedade que rodea e arroupa esta estrutura empresarial única en España, que recibiu no 2003 o premio de Mellor Empresa Agroalimentaria Española”, dixo, ao que engadiu que o novo colexiado pertence á familia que funda o que se pode bautizar como a Galicia cooperativa, como fórmula innovadora para desenvolver un proxecto industrial e tamén como maneira de entender as relacións humanas.
Así mesmo, resaltou que o grupo de empresas que capitanea Manuel Gómez-Franqueira ten demostrado ademais unha capacidade para innovar e adaptarse a contextos económicos diferentes, con poucos parangóns en proxectos españois e europeos. “Coren transforma a ameaza en oportunidade. Non ve nos novos mercados e regulacións un risco do que hai que protexerse, senón acicates para dar novos pasos adiante”.
Conde resaltou ademais que na xa longa historia de Coren hai un éxito formado polo binomio innovación e estabilidade, unha fórmula que inspira tamén a Galicia dos nosos días.

Parabéns a Manuel Gómez Franqueira, unha persona querida e sobre todo respetada e admirada.

Con la tecnología de Blogger.