Comeza o II Congreso Internacional de Drons de Galicia DIC Galicia
Asisto onte ao acto de inauguración do II
Congreso Internacional de Drons de Galicia DIC Galicia que ten lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días
24, 25 e 26 de maio de 2018.
Contará
con máis de media centena de relatores
expertos e empresas, que expoñerán en máis de 20 mesas redondas e
presentacións, os últimos avances tecnolóxicos no ámbito dos drons, lexislación
e as telecomunicacións.
Está organizado conxuntamente polo
Colexio Oficial Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación e a
Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións Aggett.
E nesta edición conta co apoio de
administracións e institucións tales como, o Ministerio de Fomento, a Axencia
Estatal de Seguridade Aérea ( AESA), a Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación, a Deputación de
Ourense, Concello de Ourense e
Universidade de Vigo, ademais doutros organismos e empresas, quen depositou a
súa confianza e respaldo a esta iniciativa.
Interveu en primeiro lugar José Manuel Martínez, delegado do COGITT en Galicia
que tras presentar os obxectivos do Congreso destacou que “Galicia conta cos
mellores Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación”.
Logo
foi o turno do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que afirmou que este
congreso é o resultado dunha “aposta sólida, mantida no tempo, dos profesionais
do sector, das institucións e da sociedade no seu conxunto a prol dun sector, o
dos vehículos aéreos non tripulados, que conta con enorme potencial de futuro”.
E lembrou que Galicia “tivo o certo de
apostar” polos drones desde a Universidade, coa impartición do Grao de
Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en Ourense; desde a Administración, a través
do polo aeronáutico de Rozas; e tamén cun protagonismo destacado das empresas
privadas.
Tamén interviron, o alcalde Ourense,
Jesús Vázquez e o Vicepresidente da Deputación Rosendo Luis Fernández. Tamén
estivo presente o Director General de
Aviación Civil, Raúl Medina
Pechou o acto o conselleiro de Economía,
Emprego e Industria, Francisco Conde, referindose ao polo aeronáutico de Rozas,
ás tres universidades galegas e ás empresas e centros tecnolóxicos, como ao
Centro de innovación aeroespacial de Galicia (Cinae), como factores clave para
o crecemento dun sector que en 2017 acadou unha facturación que chegou aos 127
millóns de euros e deu traballo a 1200 persoas, un 9% máis que o ano anterior.
E aseverou que esta industria está a consolidar o seu peso na
economía galega, conxugando dous piares fundamentais: innovación e formación.
Sobre este último punto, o conselleiro subliñou que é
precisamente en Ourense onde se desenvolve a vertente académica e formativa do
sector aeroespacial galego, coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da
Universidade de Vigo, na que se imparte o Grao de Enxeñaría Aeroespacial. E a
partir do vindeiro curso se vai ofertar o Máster en Operacións e Enxeñaría de
Sistemas Aéreos non Tripulados, no que colaboran a UVigo e a USC. Unha oferta
formativa que se completa co Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico que
imparte o Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes de Lugo.
“Destes centros sairán as novas xeracións de enxeñeiros e
técnicos especializados neste sector. Unha xeración de profesionais
cualificados que son os que van facer posible que o sector aeroespacial en Galicia
poida despregar todo o seu potencial e marcar fitos tan importantes como os que
xa se están a poñer en marcha no polo tecnolóxico de Rozas”, destacou. Ao
respecto, recordou que, neste momento, son 20 os proxectos de I+D os que se
están a executar en Rozas, con 200 persoas empregadas e coa previsión de
superar as 440 en 2020.
Estes proxectos corren a cargo de Indra e Babcock, os socios
industriais da Xunta, cos que se puxo en marcha este polo tecnolóxico que
mobilizará 150 millóns de investimento público-privado e que ten permitido que
unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos galegos traballen en novos
proxectos por valor de 13 millóns.
Ao longo da súa intervención, Conde subliñou que, neste momento,
Rozas é a denominación de orixe de iniciativas tan novas como o primeiro dron
mariño que deseñou a Universidade de Vigo e Indra; as 3 aeronaves non
tripuladas que xa fan ensaios de voo; o dispositivo creado pola startup viguesa
Centum para a localización de persoas desaparecidas, que agora se vai adaptar
para ser usado en dúas destas aeronaves; ou o primeiro banco de ensaio de
motores no que participa o CTAG.
Así mesmo, aseverou que son 10 as licitacións publicadas que xa
van camiño de ser adxudicadas, con propostas para aplicar o uso de drons na
xestión forestal e do territorio, a seguridade da flota pesqueira ou a
vixilancia do patrimonio cultural, e ás que se sumará unha nova na que se está
a traballar para a atención cardiovascular de peregrinos no Camiño de Santiago.
O conselleiro concluíu lembrando que para apoiar o nacemento de
novas startups no sector aeroespacial se presentará proximamente unha nova
aceleradora, que terá a súa sede nas instalacións do antigo hospital de Lugo,
onde se situará tamén un centro de emprendemento específico para este sector.