In tempore Sueborum : unha exposición de primeiro nivel que remata exitosamente, elevando a proxección cultural de Ourense


O pasado 15 de decembro de 2017 asistía en Ourense ao acto de inauguración da exposición In tempore Sueborum (O tempo dos suevos na Gallaecia: 411-585)


Unha exposición organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense, que exhibía por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. Reunindo a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacaban xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.

Pois ben, onte asistín ao acto de clausura desta exposición que pechaba as súas portas logo dunha exitosa acollida de publico e crítica, que desbordou todas as expectativas, converténdoa na mostra máis visitada na historia da provincia de Ourense -44.299 persoas- e a máis importante de Galicia.

O acto tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; do comisario da mostra, Jorge López; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do director de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e do conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez. No acto estreouse o documental In Tempore Sueborum, dirixido por Jesús María Caramanzana Carrera e tivo lugar o espectáculo musical "Peregrinatio", dedicado ás músicas nos camiños de peregrinación medievais, que abriu o acto.

Manuel Baltar expresou que "In tempore sueborun" "sitúa a Ourense no mapa das grandes exposicións e como referente cultural, dentro desa visión integral de provincia que defendemos, onde a posta en valor da cultura é algo fundamental", e agradeceu o traballo desenvolvido "polos comisarios e por todas as persoas e institucións de tantas nacións que fixeron posible este fito na historia de Ourense, de Galicia e de Europa que impulsou e desenvolveu a Deputación de Ourense para salientar o noso pasado con maiúsculas, innovando e estando na vangarda das investigación sobre a nosa historia, como fixo esta exposición".

Das cifras de audiencia relativas a "In tempore sueborum" destaca que máis de 14 millóns de persoas en Europa e América recibiron noticias sobre a mostra, e os espazos dedicados a información suporían millóns de euros, traducidos en espazos publicitarios de diferentes formatos en prensa, radio, televisión e Internet. 


Visitando a exposición en Santa María Nai
Só a través das redes sociais In Tempore Sueborum relacionouse con 10.000 persoas ao día, sendo a audiencia acumulada en redes de case 600.000 persoas. Con respecto á prensa escrita, a exposición figurou 303 veces en medios locais, 37 veces en medios nacionais, e en seis ocasións en medios internacionais, sendo os países máis destacados México, Venezuela, Portugal e Gran Bretaña.

Neste tempo de exposición tive oportunidade de visitar esta magna mostra, e podo acreditar a súa grande calidade, a perfecta organización e a impronta cultural que deixa na nosa provincia.

Parabéns á Deputación Provincial na persoa do seu presidente Manuel Baltar polo éxito acadado.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.