martes, 8 de mayo de 2018

Feijóo destaca o Ave, a Variante Norte e a activación da Autovía Lugo-Ourense como claves para a competitividade de Ourense como punto de acceso a Galicia

Onte no Concello de Ourense durante a presentación do selo dedicado ao centenario da Ponte Nova de Ourense, xunto co ministro de Fomento Íñigo de la Serna o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso coa chegada do AVE en 2019 á Comunidade, coa Variante Norte e coa activación da Autovía Lugo-Ourense como clave para a competitividade de Ourense como punto de acceso a Galicia.
Feijóo lembrou que "a liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e a meseta, que situará Ourense a pouco máis de dúas horas de viaxe está executada nun 80% e as obras avanzan ao ritmo necesario para chegar á data anunciada de finais de 2019. Antes diso, este mesmo ano rematarán os traballos do treito do Ave entre Zamora e Pedralba de la Pradería, un fito relevante que permitirá acurtar o tempo percorrido en media hora e situalo, por primeira vez, por debaixo das 4 horas con Madrid.
Todo iso mediante unha planificación a curto, medio e longo prazo que, mantendo intacto o trazado definido para a entrada do AVE a Ourense, mobilizou 100 millóns de euros para garantir que os trens de alta velocidade poidan acceder pola vía actual á cidade, cando estean rematadas as obras ata Taboadela.

Conscientes da oportunidade que supón para Ourense ser entrada do AVE a Galicia, o presidente da Xunta resaltou que as tres administracións traballan conxuntamente no desenvolvemento da estación intermodal de xeito que as obras da primeira fase están xa en contratación, coa previsión de adxudicalas en días. Unha infraestrutura que proporcionará, ademais, a ansiada conexión entre os barrios da Ponte e o Vinteún."
Logo de referirse tamén á renovación da conexión ferroviaria con Lugo, presentada onte polo ministro de Fomento, o presidente da Xunta aproveitou para agradecer tamén o apoio do Ministerio á solicitude de incorporación da nosa rede ferroviaria ao Corredor Atlántico de Mercadorías, apostando con firmeza por converter Ourense nun importante nó ferroviario como centro de entrada e saída a Europa dos trens procedentes dos principais portos galegos.
Así mesmo, resaltou o impulso definitivo á Variante Norte de Ourense, cuxo treito comezará a tomar forma este ano, grazas a un investimento de máis de 30 millóns de euros, unha peza decisiva para a mobilidade da cidade. E a activación da Autovía Lugo-Ourense, que completará a rede viaria de altas prestacións entre as principais cidades galegas e suporá un punto de inflexión na cohesión territorial da Comunidade.
Así mesmo, referiuse tamén ao compromiso do goberno central coas conexións do Barco e a zona de Valdeorras; “para nós é clave que esas licitacións se vaian facendo realidade”, aseverou, ao que engadiu que todos estes compromisos se complementan co traballo que desde o Goberno galego se está a realizar coa construción en breve da conexión entre a Autovía A-52 e o polígono de San Cibrao das Viñas, xa adxudicada, e cuxo investimento supera os 20 millóns de euros.
O titular da Xunta concluíu subliñando que a presentación deste selo dedicado ao centenario da Ponte Nova de Ourense, unha homenaxe a un dos grandes emblemas desta cidade, supón un recoñecemento ao espírito aberto e cooperador da cidade, reflectido en cada unha das pontes que se tenden sobre o Miño.




Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.