Salientar como unha
moi boa nova, o anuncio feito onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzando que
a Estratexia Retorna 2020 facilitará a volta de máis de 20.000 galegos do
exterior.
Conta cun conxunto de
50 iniciativas cun orzamento total de 235 millóns de euros. A contía estará
dividida en 15 millóns de euros destinados a medidas específicas e 220 millóns
para propostas transversais, que contarán con incentivos específicos para os
retornados.
Entre os principais
obxectivos da Estratexia Retorna 2020 están: incrementar nun 50% o número de
retornados, promover o regreso de máis de 20.000 galegos e que o 60% dos que
retornen (é dicir, un mínimo de 12.000 persoas) teñan menos de 45 anos.
En relación ás
medidas específicas para os retornados, o titular da Xunta destacou a creación
da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao emigrante retornado, que
contará cun conxunto de técnicos cualificados, cunha oficina virtual de
atención ao retornado e cun teléfono de atención e asesoramento específico para
os retornados.
No eido da formación,
Feijóo referiuse tamén á creación dunhas bolsas para que os emigrantes cursen
na comunidade un ciclo de FP superior, cunha achega de ata 5.000 euros por
alumno; e o reforzo das Bolsas de excelencia mocidade exterior, cuxa segunda
edición axudará financeiramente aos mozos con formación universitaria que
queiran cursar un máster en Galicia, cunha achega que oscila entre os 7.000 e
os 11.500 euros por alumno.
Así mesmo,
reforzaranse as axudas ao retorno emprendedor, que facilita ata 10.000 euros
para que os retornados poñan en marcha o seu negocio e porase en marcha unha
nova liña nas axudas extraordinarias ao emigrante retornado, para familias con
fillos menores de idade que se establezan en Galicia.
Sobre este punto, o
presidente do Executivo autonómico anunciou unha achega de 1.000 euros por neno
ata o segundo fillo e 1.500 a partir do terceiro, cun 25% máis en caso de que a
residencia estea fixada no rural.
Medidas transversais
Por outra banda, e en
relación ás medidas transversais, cómpre subliñar que nesta estratexia
encádranse iniciativas como a adaptación das medidas de impulso á natalidade,
como a Tarxeta Benvida, ás circunstancias especiais das familias retornadas,
para que poidan acceder desde que se empadroan; incorporación dos estudantes
retornados nas axudas destinadas aos universitarios con dificultades para
continuar os estudos por causas sobrevidas; ou o incremento dos incentivos á
contratación para as empresas que conten con emigrantes retornados sen emprego,
cun aumento do 25% nestes casos e unha contía máxima de 8.000.
Introduciranse
ademais incentivos específicos nas axudas á contratación indefinida por parte
de traballadores autónomos e nos programas de consolidación do emprego en novas
pemes, cun aumento do 25% e un máximo de 8.000 euros. Por último, en materia de
vivenda, contarase cos retornados como colectivo específico para as axudas ao
alugueiro.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.