viernes, 13 de abril de 2018

Avances no proxecto de aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Ourense


Hoxe coñecemos por medio de unna nota informativa que a Xunta de Galicia vén de remitirlle ao Ministerio de Fomento, en concreto a Adif, o proxecto de aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Ourense, que disporá de 302 prazas de estacionamento. 

Este equipamento, cuxo deseño técnico asumiu a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, suporá un investimento de case 7 millóns de euros, financiando maioritariamente polo Goberno galego, e cofinanciado por Adif, que se encargará ademais da súa contratación e execución.

O aparcadoiro subterráneo forma parte da primeira fase do gran proxecto da estación intermodal de Ourense, xunto coa nova terminal de autobuses intermodal, cuxas obras foron licitadas o pasado 26 de febreiro pola Xunta de Galicia por un importe de 4,2 millóns de euros.

Este aparcadoiro subterráneo ten por obxectivo dar servizo tanto á terminal ferroviaria como á de autobuses e ao barrio da Ponte, ademais de permitir a reordenación da actual praza da estación.

Situado baixo a área de aparcadoiro da actual praza da estación, terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos en dous andares nos que se repartirán as 302 prazas, incluíndo 10 estacionamentos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

O aparcadoiro conectarase coa rúa Eulogio Gómez Franqueira mediante rampas independentes de vehículos para  entrada e saída, situadas ambas no lado sur do equipamento. O desembarco á superficie realizarase en paralelo á rúa, de forma que se poida conectar con ela de forma directa e sen afectar aos percorridos peonís na praza nin ao tráfico urbano.

Ademais, disporase de tres puntos de acceso peonil desde a praza da estación. Dous deles situaranse na área norte, máis próximas á entrada dás terminais de autobuses e de ferrocarril, respectivamente,  e contarán con ascensor accesible. O terceiro situarase no lado sur do aparcadoiro.

O Goberno galego prevé iniciar o vindeiro verán a construción da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril. Contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación, ademais de cun edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos: venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.

Actualmente estase en proceso de valoración das 16 ofertas presentadas á realización das obras, cumprindo así cos trámites para facer realidade unha infraestrutura clave para a cidade: a estación intermodal, actuación na que están a traballar conxuntamente a Xunta, o Concello e o Ministerio de Fomento, a través de Adif.

A nova estación de autobuses e o aparcadoiro forman a primeira fase dese gran proxecto,  sumando un investimento de case 11 millóns de euros.

Mentres se leva a cabo a construción do aparcadoiro habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do espazo que ocupará a futura terminal de autobuses. Deste xeito, conseguirase avanzar e adiantar prazos, garantindo que as obras do parking e da propia estación autobuses se poidan compaxinar e executar ao mesmo tempo.

Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos barrios da Ponte e do Vinteún.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta.