Rajoy anuncia a intención de presentar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado a tempo para telos aprobados a finais de xuño


Na sesión de control que tivo lugar onte no Congreso dos Deputados, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, preguntou ao presidente do Goberno Mariano Rajoy pola aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para o ano 2018.


Na súa resposta, o xefe do Executivo asegurou que "estamos a traballar para conseguir os apoios" necesarios porque "a miña intención é presentar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado a tempo para telos aprobados a finais de xuño, exactamente igual que o pasado ano".


En calquera caso, Rajoy explicou que "España ten uns Orzamentos", os de 2017, que "xa están prorrogados", tal e como contempla a Constitución Española.

Respecto diso, lembrou que o Consello de Ministros aprobou, o pasado 29 de decembro de 2017, un acordo "para instrumentar desde un punto de vista técnico esa prórroga" e, o que é moi importante, en xuño do ano pasado, o Congreso dos Deputados deu luz verde ao teito de gasto. Ademais, "hai algunhas outras decisións que se poden tomar por outros procedementos previstos na lexislación", agregou.

O presidente do Goberno, con todo, subliñou que a aprobación dos PGE en 2017 foi algo "bo para España e moi ben valorado desde fóra" e que "serviron para que se xerasen en España máis de 600.000 postos de traballo."


Coincido co manifestado polo presidente Rajoy, aínda que é evidente que sempre existe algunha afectación a aqueles proxectos que aínda non foron de adxudicación ou de licitación, aínda que xa figurasen na Lei de PGE de 2017.

Hoxe mesmo o diario La Región recolle a miña preocupación nese sentido no que refire a novos proxectos non contemplados nos anteriores presupostos así como a incidencia que poida ter en retrasos sobre algúns proxectos de investimento de Ourense, como a circunvalación de O Barco de Valdeorras, a Variante Norte de Ourense ou a A-76.

Así que confío en que chegado xuño teñamos aprobados eses tan necesarios PGE para 2018, o que implica acadar os apoios parlamentarios.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.