A conselleira detallou que xa están
convocadas 4 ordes de axudas, como a de préstamos subsidiados pola cal os
cidadáns poden acceder a créditos para financiar obras de rehabilitación cos
xuros subvencionados ata nun 100% pola Xunta de Galicia. Esas axudas,
convocadas esta mesma semana, pódense solicitar ata o 15 de outubro.
Tamén está aberto o prazo de
presentación de solicitudes de axudas na Área de rehabilitación integral dos
Camiños de Santiago, que comprende preto de 500 parroquias de 107 concellos
galegos emprazados nas sete rutas oficialmente declaradas e delimitadas. O
importe da convocatoria de 2018 é de case 3 M€.
Así mesmo, pódese acceder xa ás axudas
para rehabilitación os propietarios de infravivenda emprazadas en concellos de
menos de 20.000 habitantes, para dotalas dunhas condicións de habitabilidade. A
axuda para infravivenda é do 95 % por cento do custe da rehabilitación, cun
límite máximo de 15.000 euros por vivenda.
Ademais, están en marcha as axudas
destinadas á rehabilitación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e
demais edificios e vivendas de titularidade municipal, co obxectivo de obter
vivendas destinadas ao alugueiro por familias de ingresos limitados.
Esta liña de axudas a concellos creouse
en 2017 e grazas a elas xa están traballando na rehabilitación de antigas
vivendas nos concellos de Santiso, Rianxo, Trabada, A Peroxa, Cualedro e Mos. O
orzamento da convocatoria de 2017 esgotouse integramente, polo que este ano se
incrementou nun 50 por cento e hai case 1 millón de euros para este fin.
Máis axudas á instalación de novos
ascensores
Ethel Vázquez tamén se referiu ás axudas
que se convocarán proximamente, como as de instalacións de ascensores, salva
escaleiras e outros dispositivos de accesibilidade alí onde non existían. Esta
liña de axudas naceu cunha dotación orzamentaria de 1,3 M€ que se esgotaron,
polo que a convocatoria de 2018 incrementase e será de 2,5 millóns, o que supón
un case duplicar o seu importe. Esta convocatoria está previsto que se publique
no Diario Oficial de Galicia no próximo mes de marzo.
Ademais, os concellos de menos de 50.000
habitantes terán á súa disposición este mes un fondo de cooperación de 7,6 M€.
A través del, os organismos municipais poden acceder a préstamos sen xuros
destinados á adquisición ou rehabilitación de inmobles. Os concellos
beneficiarios dispoñen dun prazo de ata oito anos para a devolución dos
préstamos recibidos, pasando os importes devoltos a formar parte de novo do
fondo de cooperación.
Na primeira convocatoria do fondo, en
2017, concedéronse préstamos por importe de máis de 2,4 M€, o que supón un alto
interese dos concellos por este tipo de axudas, e aínda temos outros 7,6
millóns dispoñibles.
Como tódolos anos, tamén se convocarán
as axudas destinadas ás áreas de rehabilitación integral (ARI) que, inda que
sexan xestionadas polos concellos que asinen convenio coa Xunta, van
fundamentalmente destinadas ao propietarios de vivendas e comunidades de
propietarios. Os fondos destinados á ARI en 2018 roldarán os 8 M€, que se
distribuirán entre os concellos que os soliciten e os propietarios das ARI.
Tamén se activarán 1,25 M€ en axudas ás
comunidades de vivendas de promoción pública adxudicadas polo IGVS en réxime de
compravenda e se está a traballar nas convocatorias das axudas de
rehabilitación rural e en conxuntos históricos, que este ano terán unha nova
regulación.
A conselleira de Infraestruturas
referiuse tamén ao mantemento do propio parque público de inmobles en
alugueiro, uns 3.500 nos que se realizan continuos traballos de reparación e
mellora. E, ao mesmo tempo, estase a executar un programa de eficiencia
enerxética das vivendas de promoción pública, cofinanciado con fondos Feder,
mellorando illamentos e instalacións.
En total, indicou que o Instituto Galego
da Vivenda e Solo destinará 4,3 millóns de euros á rehabilitación de vivendas de
promoción pública en 2018.
En relación coa recente entrada en vigor
da nova normativa comunitaria, a conselleira subliñou que todas as liñas de
axuda, agás as de ascensores, permiten financiar actuacións para reducir os
niveis de radón.
Programa Rexurbe
En relación co programa Rexurbe, Ethel
Vázquez destacou que supón un gran esforzo a través do cal a Xunta puxo en
marcha un proceso de adquisición de edificios en conxuntos históricos para a
súa posterior rehabilitación con destino a vivendas e locais comerciais.
Ata o 22 de abril os propietarios de
vivendas nos cascos históricos de Ferrol Vello, A Tinería de Lugo, Betanzos e
Ourense poden presentar as súas ofertas de venda á Xunta, que en total
destinará á súa recuperación 13 millóns de euros.
Ese investimento sumarase ao que xa está
en marcha para a recuperación dos edificios que xa son da súa propiedade en
Ferrol, Betanzos, Ourense, na Tinería, en Mondoñedo e en Vigo, a través do
Consorcio Casco Vello.
Así mesmo, reseñou o traballo que se
está a levar a cabo en materia de axudas a propietarios e comunidades de
propietarios, que buscan facilitar que estas entidades, ademais dos concellos,
procedan á mellora dos edificios e do seu contorno. O pasado ano 2017,
outorgáronse máis de 19 millóns de euros a subvencións para rehabilitación que
induciron investimentos en materia de rehabilitación por máis de millóns e que
permitiron mellorar as condicións de vivenda de máis de 5.000 familias.
Finalmente, lembrou que, este ano, a
Xunta de Galicia está poñendo a disposición preto de 30 M€ en axudas para a
rehabilitación e que se abriron a principios do ano para maior facilidade dos
beneficiarios, xa que ó remate do primeiro trimestre do ano xa se poderán
solicitar o 90% das subvencións.
Vázquez Mourelle asegurou que a rehabilitación
das vivendas e edificios de uso residencial constitúe unha preocupación
fundamental para o Goberno galego dentro das políticas públicas en materia de
vivenda, un esforzo que se centra na recuperación dos barrios históricos das
vilas e cidades galegas así como en dinamizar vivendas no medio rural.
Trátase, dixo, “dunha solución
eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de
vivenda da poboación e de minorar os impactos no medio”, que, ademais, favorece
a creación de emprego, ao ser o proxecto público que máis emprego mobiliza por
cada euro investido.
Ethel Vázquez destacou a Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana de
Galicia, que, neste momento, está en fase de contestación das alegacións e que
chegará ao Parlamento de Galicia este ano. Esta norma, resaltou, facilitará a
execución de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, como de mellora
dos tecidos urbanos, polo que será necesario incluír medidas sociais,
ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global e
unitaria.