martes, 23 de enero de 2018

Vendo a a evolución das obras da LAV a Galicia

Este pasado domingo viaxei no tren Alvia que procedente de Lugo, saíu ás 13,05 da estación de Ourense.
Xa no meu coche puiden comprobar como os asentos levaban a publicidade da exposición “In Tempore Sueborum” que promove a Deputación provincial. Unha boa iniciativa en colaboración con Renfe para difundir a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo, que reúne por primeira vez o maior número de pezas deste período histórico. A exposición fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países e pode visitarse ata o mes de maio en tres espazos expositivos da cidade de Ourense.
Durante o traxecto puiden comprobar, a evolución das obras da liña de alta velocidade nalgún dos puntos do itinerario.
En A Gudiña puiden ver as obras do posto de adiantamento e estacionamento de trens, absolutamente necesario para os cruces de trens e onde está previsto que se sitúe a estación de alta velocidade Porta de Galicia. 
Propocinará servizo aos viaxeiros desta comarca, así como aos de Valdeorras e a cidadáns do norte de Portugal que terán neste punto o acceso máis próximo á alta velocidade.
Xa na provincia de Zamora, vin a evolución das obras de construción do cambiador de anchos en Lobeznos, Pedralba de la Pradería. Trátase dun foso de dimensións interiores de 16 m de lonxitude e 7,4 m de anchura, no que se situará un cambiador de anchos dual, no interior dunha nave.
Este cambiador posibilitará aos trens a circulación por unha liña de alta velocidade e electrificada ata ese punto e proseguir daquela a viaxe a Galicia en vía convencional, mentres non finalicen as obras nos tramos seguintes (118 km aproximadamente).
Máis adiante observei desde o tren o longo viaduto sobre o Río Tera e tamén xa preto de Zamora obras de colocación de torres de electrificación.
Unha vez chegados á estación de Zamora, e tras pasar polo actual cambiador de anchos renovamos a marcha, paramos na recentemente estreada estación de Medina del Campo e finalmente chegamos con total puntualidade á estación de Chamartín ás 17,54.

Espero que a evolución das obras que acabo de comentar permitan alcanzar o obxectivo trazado por ADIF AV de que a finais de 2018 a alta velocidade chegue a Pedralba de la Pradería, o que supoñería unha redución dos tempos de viaxe desde Galicia a Madrid de 35 minutos. Os ourensans viaxarían entón a capital de España en menos de catro horas.
Precisamente onte en Castellón o presidente do goberno Mariano Rajoy ratficaba esa aspiración.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta