Xunta e Ministerio de Fomento acordan iniciar os trámites para a liberación da peaxe da Ap-9 entre Vigo e Redondela

Hoxe tivo lugar en Madrid unha reunión da comisión conxunta sobre a Ap-9 que integran a Xunta e o Ministerio de Fomento e na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, ademais do secretario xeral de infraestruturas Manuel Niño, entre outros.

A Xunta e o Ministerio de Fomento acordaron hoxe iniciar os trámites para a liberación da peaxe da Ap-9 entre Vigo e Redondela. O secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, trasladou hoxe a resposta favorable do Goberno de España á proposta do Executivo galego de suprimir por completo a obriga de pago neste treito da Ap-9, no que actualmente xa son gratuítas as viaxes de regreso que se realizan no mesmo día que o percorrido de ida.

O Ministerio de Fomento avanzou que analizará agora en detalle o alcance económico da medida e abordará coa sociedade concesionaria da autoestrada a súa estruturación.

Os representantes do Ministerio de Fomento e do Goberno galego abordaron tamén hoxe os progresos na tramitación das obras complementarias á ampliación da Ap-9 que se van executar en Chapela, sumando un importe total de 11 millóns de euros.

A ese respecto, o Goberno central informou da recente licitación das obras do novo colexio.

Ademais, o Ministerio de Fomento ratificou o compromiso adquirido co Goberno galego de establecer un cambio en relación coas obras da AP-9 para que, no futuro, todas as obras de ampliación e mellora pendentes que se realicen na autoestrada se financien con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado e non mediante novos incrementos de peaxe aos usuarios.

Ambas as dúas administración fixeron repaso das devanditas obras planificadas na Ap-9 nas cidades e constataron avances nos respectivos procesos de tramitación. Nese sentido, un dos asuntos tratados na reunión de hoxe foron os avances nos traballos relacionados cos accesos á estación intermodal de Vigo, onde nas próximas semanas se pechará o proxecto detallado que permitirá continuar coa tramitación urbanística e a sinatura do convenio sobre o seu financiamento.
Ademais, a Xunta puxo sobre a mesa a remodelación do enlace de Buenos Aires, e o Ministerio de Fomento lembrou a necesidade de que o Concello de Vigo defina a actuación demandada, xa que a finalidade principal da mesma é a ordenación do tráfico local. Por ese motivo, o departamento estatal lle remitirá ao Concello os requisitos técnicos que deberá reunir a súa proposta.

Fomento informou de que recentemente se iniciou o trámite expropiatorio do Enlace Orbital de Santiago e neste trimestre procederá ao levantamento das actas previas á ocupación do terreo.

En relación coa ampliación de Alfonso Molina, o secretario de Estado confirmou que está aberto o proceso de alegacións ao proxecto e sobre o Vial 18 informou de que proximamente se iniciará o proceso de información pública.

Todo indica que foi unha reunión produtiva, que leve finalmente á liberación da peaxe da Ap-9 entre Vigo e Redondela, que é algo xusto.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.