Hoxe durante unha
visita ao CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, de Ourense o conselleiro de Culltura,
Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, informou que Galicia
acaba de pechar o ano 2017 coa taxa máis baixa de abandono educativo temperá
desde que se dispón de rexistros, un 14,9%, que supón ademais acadar o
obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixada nun
15%.
O abandono educativo
temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non
completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de
grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).
Desde 2009, que pechou
cun 25,8% nesta taxa, a Comunidade Autónoma ten rebaixado o abandono educativo
en máis de 10 puntos. Hoxe, a Comunidade Autónoma está máis de tres puntos por
debaixo da media nacional nesta taxa no ano 2017.
Román Rodríguez,
explicou que esta boa nova se debe fundamentalmente a que a comunidade
educativa “desenvolve proxectos que, por unha parte, se orientan a que os
alumnos vexan o sistema educativo máis atractivo e, por outra, a que haxa liñas
de acción que posibiliten que o alumnado poida ter unha maior implicación”.
Deste xeito, salientou que a redución da taxa de abandono “posibilita manter
unha liña de calidade e de equidade, que é o que mide o bo funcionamento dun
sistema”. Así mesmo, indicou que en Galicia e en España “estamos vendo como as
principais variables están mellorando dun xeito progresivo nos últimos anos”, o
que sinalou como froito da liña común que están a seguir tanto a Administración
central como as Comunidades Autónomas.
Dixo Román que a Consellería
quere agradecer a docentes, equipos directivos e do conxunto da comunidade
educativa o esforzo realizado nestes últimos anos, que deu como froito estes
bos resultados, tanto na diminución desta taxa como en informes como o PISA. A
posta en marcha de iniciativas como os contratos-programa ou de modalidades
formativas como a FP Básica teñen contribuído á permanencia dos estudantes nun
ensino que hoxe conta, ademais, con máis oportunidades para formarse en novas
tecnoloxías e en linguas estranxeiras. Desde esta perspectiva, os datos
rexistrados na taxa de abandono deben ser percibidos como un logro común do
sistema educativo galego, que debe continuar traballando unido en prol da súa
mellora.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta