Presentado o proxecto da nova estrada que conectará a A-52 co parque empresarial de San Cibrao das Viñas

Esta mañá asisto na Casa do Concello de San Cibrao das Viñas a un acto de
presentación do proxecto da nova estrada que conectará a A-52 co parque empresarial, a través da N-525, que se licitou precisamente hoxe por máis de 21 millóns de euros para iniciar os traballos antes do verán.

Un acto protagonizado pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto o alcalde Manuel Pedro Fernández, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o vicepresidente da Deputación Provincial Pablo Pérez e a deputada autonómica Marta Novoa. Estiveron tamen presentes membros da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, encabezados polo presidente Elías Mera.

No acto Vázquez Mourelle explicou que o pasado xoves o Consello da Xunta autorizaba a contratación da obra e hoxe a Plataforma de contratos públicos de Galicia e o Diario Oficial da Unión Europea publican a licitación. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro día 16 de febreiro.

A titular de Infraestruturas subliñou que se trata dun proxecto pioritario e esencial para dotar de novas oportunidades ao concello de San Cibrao e ao polígono empresarial, así como para a promoción económica e industrial de toda a provincia de Ourense. Neste sentido, concretou que a Xunta sempre apostou por esta infraestrutura, logrando, primeiramente, os fondos europeos para garantir a súa execución; e reservando as partidas necesarias nos Orzamentos, con 5,7 M€ no vindeiro ano.

A vía de novo trazado, que percorrerá os municipios de Taboadela e de San Cibrao das Viñas, terá unha lonxitude aproximada de 4,5 km. Comezará no enlace de Gargantós, que conecta a A-52 coa autovía que vai de Ourense a Celanova, a AG-31, mediante a reordenación de accesos a través dunha glorieta baixo a A-52 e logo de salvar o río Benito, finalizará na  N-525, ao sur do actual acceso ao polígono industrial.

O trazado elixido é o que mellor responde á necesidade de compatibilizar a menor afección aos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes, cos requirimentos técnicos propios dunha vía destas características.

A nova conexión presenta singularidades como por exemplo, a existencia de 2 carrís, beiravías e gabia, e que contará cun terceiro carril aproximadamente na metade da traza. Para salvar o río, construirase un viaduto de máis de medio quilómetro, con piares de notable altura (entre 20 e 54 metros) e 4 pasos inferiores e 1 superior para dar continuidade ás vías locais e camiños de servizo existentes.

Vázquez Mourelle sinalou que unha vez construída, a nova infraestrutura reducirá o percorrido de conexión coa A-52 en preto dun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 km, mellorando, ao tempo, a conectividade coa Autovía de Celanova. Isto favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e redundará nunha maior competitividade para as empresas alí asentadas.

En canto aos prazos e ás previsións para a construción desta infraestrutura, a conselleira indicou que están estimados en 24 meses e que a día de hoxe, están pagados os depósitos previos a todos os veciños que se viron afectados polas expropiacións.

https://www.youtube.com/watch?time_continue=65&v=jOuLCduSLjM


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.