Da actualidade económica de hoxe quero
salientar a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ás novas
instalacións do Centro de Selección Xenética Avícola Friol I da empresa Coren.
O presidente destacou que as novas instalacións do Centro de
Selección Xenética Avícola Friol I da empresa Coren son exemplo do bo saber
facer da industria galega. Un proxecto estratéxico posto en marcha para
mellorar a produción e dar valor engadido aos seus produtos co obxectivo de
seguir conquistando novos mercados. “Estamos a falar dunha empresa que segue
apostando por crecer, tomando como base a innovación e a I+D+i e desde aquí,
desde Galicia”, abundou.
Nesta
mesma liña, salientou que o feito de que sexa unha planta autosuficiente, con
caldeira de biomasa e deseñada para minimizar o seu impacto ambiental sen
producir alteracións no contorno, a converten nunha instalación innovadora e
punteira en Europa.
Feijóo, animou ao sector agroalimentario a
seguir crecendo desde Galicia apostando pola dixitalización, a diversificación
de mercados e a internacionalización. E, para acadar este obxectivo, garantiu o
compromiso do Goberno galego, cun investimento neste bienio de 175 millóns de
euros, para seguir impulsando novas medidas que permitan modernizar a industria
galega.
Feijóo lembrou que, con esta finalidade, a
Xunta puxo en marcha a Axenda Industria 4.0, a folla de ruta coa que nos dous
últimos anos acompañou a 4.200 empresas, contribuíndo a crear 11.500 novos
empregos e mobilizando 342 millóns de euros.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse
tamén aos datos do PIB do terceiro trimestre deste ano, que medrou en 8 décimas
con respecto ao trimestre anterior e nun 3,1% no último ano. Unhas cifras que
atribuíu ao esforzo do tecido industrial galego por saber anticiparse ao novo
escenario e potenciar a súa capacidade para competir a través da innovación, o
talento e de traballadores 4.0.
Parabéns a COREN
presidido por Manuel Gómez-Franqueira que
desde hai 50 anos creceu ata situarse como a maior cooperativa agroalimentaria
de España. Coren é hoxe un grupo líder, un referente nos mercados de avicultura, porcino e vacún. Todo o empeño de Coren diríxese a satisfacer aos consumidores garantíndolles os mellores produtos. En Coren foron pioneiros en implantar sistemas de trazabilidade que avalan a completa seguridade na cadea alimentaria e aplicar exhaustivos controis de calidade en cada fase do proceso produtivo.
Todos os produtos Coren son 100% galegos: producidos e industrializados exclusivamente en Galicia, pero que se comercializan en máis de medio centenar de países dos cinco continentes. Coren cré firmemente no cooperativismo, no que todos os socios participan nunha xestión socialmente responsable e no que as persoas prevalecen sobre o capital.
Pero o éxito do“modelo Coren” non sería posible sen o esforzo das máis de 6.000 familias queforman parte da cooperativa.