Novos avances no tramo Pedralba-Ourense da LAV a Galicia: Adif AV licita a subministración e transporte de travesas para 50 Km.de vía en placa

Salientar que o mércores desta semana o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade aprobou a licitación dun contrato de subministración e transporte de travesas para vía en placa, destinadas ao tramo Pedralba de la Pradería- Ourense, da Liña de Alta Velocidade ( LAV) Madrid-Galicia, pertencente ao Corredor Norte-Noroeste de alta velocidade ferroviaria.

As travesas fornecidas serán bibloque (dous apoios), de formigón armado e ancho internacional (1.435 mm), destinadas a cubrir unha lonxitude de vía de 50.000 m, así como 12 conxuntos de transición de elasticidade entre vía en placa e vía en balasto, incluíndo as correspondentes suxeicións.

Nas vías denominadas “en placa”, as travesas quedan integradas dentro dunha laxa armada apoiada sobre unha soleira de formigón, en lugar de ir sobre balasto, o que confire a este tipo de infraestrutura unha gran fiabilidade e seguridade nas circulacións ferroviarias. É o tipo de solución que se adoita empregar nos grandes túneles ferroviarios.

O contrato ten un orzamento de licitación de 12.927.973 euros (IVE incluído) e establece un prazo de execución de 12 meses.

Deste xeito, Adif Alta Velocidade continúa avanzando nos contratos e traballos necesarios para facilitar que a alta velocidade chegue canto antes a Galicia, acurtando os tempos de viaxe desde Madrid e a meseta ata a comunidade galega.

A licitación deste contrato vén reforzar o cumprimento dos compromisos para a finalización dos tramos pendentes da LAV Madrid-Galicia nos prazos previstos.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.