In tempore Sueborum (O tempo dos suevos na Gallaecia: 411-585)

Asisto esta mañá en Ourense ao acto de inauguración da exposición In tempore Sueborum (O tempo dos suevos na Gallaecia: 411-585)

Organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense, que permanecerá aberta desde hoxe e ata o 4 de marzo de 2018, e que exhibe por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. Reúne a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualificou, no acto inaugural, como “a exposición que sitúa a Ourense á cabeza das grandes mostras que definen a identidade dun territorio, a través da difusión e posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial”. 

 dixo que estamos a falar “dunha exposición irrepetible e cargada de historia, armada de entidade política de seu: falamos dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí o primeiro Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia”, e remarcou que esta magna exposición “faise posible nunha terra cunha xente, como os suevos, traballadores, creativos e emigrantes, con capacidade e valentía para amosar a milleiros de quilómetros da súa patria natal talento e decisión para converter en realidade proxectos persoais e colectivos”.

O presidente da Deputación destacou que no ano 411 d. C. “creouse unha entidade política baixo a forma de reino, anos antes da constitución  do primeiro reino visigodo en Aquitania. Este é un feito que adquire especial significación no contexto político que estamos vivindo en España, pois Galicia posúe argumentos históricos de peso e inequívocos da súa identidade, que funden as súas raíces hai máis de 1.600 anos”.
  
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia destacou que esta exposición “amósanos que Ourense forma parte da inmortalidade da historia e nos achega luz sobre o legado suevo, 150 anos da nosa historia, dunha época da que pouco se sabía e que agora comezamos a saber máis”. Núñez Feijoo dixo que os visitantes “non só verán nesta mostra pezas ou documentos, senón que poderán revivir os tempos remotos do noso Ourense e a nosa Galicia dos que nos antecederon”, e agradeceu ao presidente Manuel Baltar e á Deputación de Ourense por esta mostra, “que nos recorda que todos somos eslabóns dunha cadea que une o noso pasado co noso futuro”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, dixo que estamos “diante da exposición máis ambiciosa de toda a Península Ibérica nestes momentos, unha aposta pola cultura con maiúsculas que pon a disposición de todos o legado histórico dos suevos”.

 O bispo de Ourense, Leonardo Lemos, expresou o seu desexo que a mostra “contribúa a realzar un exercicio de memoria verdadeira, que hoxe máis ca nunca precisamos, porque estamos asistindo a novos relatos que tentan reconstruír unha nova historia sen fundamento na realidade”. E o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, destacou o apoio da entidade “a iniciativas, que como esta, exercen un papel importante como dinamizadores económicos da nosa provincia”.

Tres espazos expositivos

O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, explicou que a mostra estrutúrase en tres espazos expositivos, cada un dos cales acolle un bloque temático. Así, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” exhibe pezas que sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A igrexa de Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.

A mostra está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.

Parabéns. Estamos diante dunha exposición do máximo nivel.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.