O orzamento da Xunta para Política Social crece un 9% para que a recuperación económica chegue as persoas e familias

Salientar da actualidade de onte que o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou no Parlamento de Galicia o Orzamento do seu departamento para o vindeiro exercicio que crece nun 9% ata os 700,6 millóns de euros para “dar un forte impulso ás políticas sociais, que de novo volven ser unha prioridade en 2018 co obxectivo de que o crecemento económico chegue a todos os fogares”. A atención á dependencia, o apoio ás familias co reforzo das medidas de conciliación, a integración das persoas en risco de exclusión social, e a formación así como o fomento da participación e voluntariado entre a xuventude son os piares das novas contas desta área do Goberno autonómico.
Rey Varela sinalou, en primeiro lugar, a forte aposta polo apoio á familia e á infancia que recollen as novas contas, que reservan para esta área da Consellería 133,2 millóns de euros.
Así, as liñas básicas deste departamento da Consellería son a apertura de cinco novas escolas infantís da Galiña Azul en Ourense, Santiago, Lugo, Mos e A Estrada; a posta en funcionamento de máis recursos de conciliación para nenos de 0 a 3 anos no rural a través das casas niño, así como en contornas empresariais; e ampliación da Tarxeta Benvida ata os 3 anos para familias con rendas baixas. O conselleiro defendeu que a intención destas medidas “é poñer as condicións para que en Galicia exista o mellor contexto social posible para vivir, formar unha familia e, sobre todo, ser neno ou nena”, contribuíndo deste xeito a facer fronte ao desafío demográfico.


 E, nesta liña, Rey Varela non se quixo esquecer da outra gran responsabilidade da administración: a protección da infancia, en especial, daqueles menores que se atopan nunha situación de risco ou desamparo social. Para elo, a Xunta ten previsto incrementar a partida destinada ao programa de acollemento familiar en 1 millón de euros, chegando aos 3,4 millóns –un 41% máis que no presente exercicio-; aumentar a partida destinada aos centros para a atención dos menores do sistema de protección e de atención á infancia ata os 32,2 millóns de euros (a partida específica para centros de protección de menores increméntase nun 20%) e consolidar a convocatoria de subvencións para investimentos e equipamento dos Centros que desenvolven medidas de protección.
Na súa intervención, o titular de Política Social explicou que unha das actuacións básicas será seguir coa consolidación e mellora do sistema autonómico de atención á dependencia. De feito, a partida económica consignada para a área de Maiores e Persoas con Dependencia ascende a 413 millóns de euros, dos cales a maior pare destínase ao programa de dependencia que crece máis de 30 millóns de euros en comparación co presente exercicio. Así, a atención a persoas dependentes suma 369 millóns de euros que se destinan, entre outras medidas, a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), conceder un maior número de libranzas e a atender novos servizos de teleasistencia. “O obxectivo é alcanzar en 2018 os 60.000 dependentes atendidos, adiantando así ao segundo ano da lexislatura unha meta que inicialmente se tiña fixada para o remate da mesma”, apuntou.
En materia de inclusión, cuxo presuposto é de 115 millóns de euros, Rey Varela destacou o novo incremento da partida da Renda Social (Risga) alcanzando os 62,4 millóns de euros o que supón unha suba do 8,7% con respecto a este ano. Desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 a partida económica consignada para a Risga aumentou máis dun 30%, o que equivale a preto de 15 millóns de euros máis. O conselleiro tamén subliñou o reforzo do apoio ás entidades sociais e das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia para facer fronte a exclusión social e ás desigualdade, entre outras a ampliación do programa Reconduce dirixido a persoas e familias en risco de desafiuzamento.
E, por último, as contas da área de Xuventude suman 16,5 millóns de euros, que permitirán aumentar ata as 10.000 as prazas que se ofertan na Campaña de Verán; consolidar os programas para a mellora da formación e empregabiliade como Galeuropa, Lidera ou Eurocidade, aos que se destinan máis de 5 millóns de euros; ou seguir fomentando o voluntariado, en especial o social e o medioambiental.
En definitiva, Rey Varela afirmou que o Orzamento de 2018 “responde a idea de conseguir un crecemento integrador, de tal xeito que a mellora da economía galega chegue a todas as persoas e familias e, en especial, a aquelas que máis precisan do noso apoio”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.