A Xunta pon en marcha axudas e accións técnicas e normativas post-incendios

Hoxe, a titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu a mesa de coordinación de accións técnicas post-incendios, como primeiro paso na toma de decisións técnicas trala vaga de lumes. Nela participaron preto de 40 persoas pertencentes a distintas consellerías. Así, ademais de Medio Rural, con responsables do servizo de prevención e extinción de incendios, de fomento forestal e das catro provincias galegas, tamén houbo persoal da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; de Medio Ambiente con portavoces de Augas de Galicia; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tamén acudiu persoal da Consellería de Sanidade, de Política Social e do Mar, así como representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A maiores, participou o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García.
A conselleira destacou, tras este encontro de traballo, a importancia de coordinar a información sobre o sucedido e a actuación posterior, para optimizar os esforzos de todos os axentes implicados. Trátase, engadiu, de “reforzar a coordinación e evitar a improvisación”. Neste sentido mencionou en particular aos concellos, que segundo dixo teñen un papel fundamental –ademais do da propia Xunta– nestas tarefas de recuperación e agradeceu por iso a presenza neste encontro do presidente da Fegamp.
Técnicos de diferentes departamentos da Xunta empezarán esta semana a traballar para avaliar a situación dos incendios forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación, así como o control da calidade da auga. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou que se lle dará prioridade aos lumes que afectaron máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles.
Todos estes traballos forman parte da actuación integral da Xunta fronte a vaga de lumes, que tal como explicou a conselleira centrouse nun primeiro momento en extinguir os incendios para de contado apoiar os damnificados mediante liñas de axudas específicas e que agora se enfocan no territorio e o medio natural, para protexelo e fomentar a súa recuperación.
Ángeles Vázquez sinalou que, entre outras medidas, estudarase o uso de técnicas de protección do chan como o mulching ou o helimulching (utilizar unha cobertura de palla nas zonas queimadas, para evitar arrastres), así como a instalación de barreiras e mesmo de mallas de xeo-téxtil en áreas a carón do mar, para protexer os bancos marisqueiros. Ademais, a titular de Medio Rural dixo que nos traballos técnicos participarán expertos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, que coordinarán os estudos preceptivos para determinar as zonas e medidas de actuación.
Protección e prevención forestal:
Por outra parte salientar que a Consellería de Medio Rural vén de presentar unha serie de modificacións normativas dirixidas a favorecer o cumprimento das esixencias legais por parte de todas as administracións na protección e prevención forestal, así como unha serie de medidas adicionais para reforzar estes ámbitos. A través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2018 entregados onte no Parlamento de Galicia, a Xunta fai un reforzo inmediato da lexislación coas iniciativas coas que se vén traballando nas últimas datas. Así mesmo, estas propostas están abertas ás achegas dos diferentes grupos políticos, con independencia do traballo posterior que se deberá facer tamén no eido parlamentario.
Medio Rural da un paso máis a través destas modificacións lexislativas reforzando a regulación para conseguir un maior e mellor aproveitamento do monte e conseguir reforzar a loita contra o lume. Unhas medidas que se suman ao decreto de axudas para os afectados aprobado esta semana, á mesa para a adopción inmediata de medidas técnicas nas zonas afectadas convocada para este luns ou ás diferentes reunións de coordinación que se manterán coas administracións implicadas e colectivos de damnificados.
No que ten que ver coa xestión da biomasa (esencialmente limpeza de maleza e ordenación das árbores), auméntase a distancia dos 30 aos 50 metros nos que non pode haber árbores pirófitas (de fácil combustión) naqueles lugares onde está demostrado que son de maior risco pola súa situación. É o exemplo das zonas con pouca altitude ou pendente superior ao 10% e as caras norte das provincias de Pontevedra e A Coruña, zonas nas que o vento de compoñente nordés sopra con maior perigosidade cara as zonas habitadas. Esta norma é extensible tamén para gasolineiras, cámpings e instalacións industriais nas que haxa material inflamable.
Para complementar esta medida prohíbese totalmente a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar. A maiores, as vivendas illadas situadas en solo rústico, deben obrigatoriamente ter xestionada do mesmo xeito a biomasa nos 50 metros que as rodeen, atópense á distancia que se atopen dun monte.
A lei tamén prevé que á contorna das subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións se lles aplique a mesma norma que ás das infraestruturas de transporte e distribución de enerxía, que obriga á retirada de especies pirófitas a menos de 5 metros de distancia dando un prazo aos responsables para facelo antes de que se faga cargo a Administración quen, a través desta norma, terá máis facilidades para actuar cando eles non cumpran.  
Neste sentido, e tal e como contemplaba xa a Lei de incendios de 2007, as Administracións Públicas están facultadas para facerse cargo desa xestión subsidiariamente podendo repercutirlle os custos despois aos seus propietarios. A modificación que se introduce agora o que trata é de permitir que se acelere o procedemento para evitar que se demore no tempo esa limpeza e se poida facer canto antes en beneficio do conxunto dos potenciais afectados. Nesta liña, resulta especialmente salientable a introdución da posibilidade de declarar zonas de actuación urxente e prioritaria aquelas sobre as que se precise actuar podendo facelo de xeito rápido e simplificado en caso de emerxencia. A maiores introduce a posibilidade de que a Administración poida vender a madeira cortada para facer fronte aos gastos derivados.
Finalmente, entre as novidades destacadas introducidas, prevese que aqueles montes veciñais en man común que non estean explotados ou estean en grave estado de abandono, poidan ser declarados como tal pola Consellería do Medio Rural e incorporado ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de terreo o poidan poñer en valor. Neste suposto os comuneiros con explotacións agrogandeiras que precisen base territorial para as súas explotacións, terán un dereito preferente de acceso.
Axudas para a recuperación de vivendas:
A Xunta de Galicia habilitará nos vindeiros días axudas para a recuperación das vivendas afectadas polos incendios dos días 14, 15 e 16 de outubro e para pagar o alugueiro do realoxo temporal noutro inmoble.
Cando as axudas teñan por finalidade a recuperación da vivenda habitual, poderán cubrir ata o 100% do custo das obras de reparación, chegando a preto de 100.000 euros. O límite máximo do importe da axuda será o 75% do valor establecido para as vivendas protexidas no municipio correspondente.
As axudas á rehabilitación de vivendas afetadas polos lumes poderán solicitarse tamén para a reparación de vivendas ocasionais (40.000 euros, aproximadamente), construcións anexas á vivenda principal e enxoval doméstico (3.000 euros en ambos os dous casos).
Estas axudas serán complementarias das posibles compensacións económicas que paguen as compañías aseguradoras. Ademais, cubrirán as obras de reparación mesmo aínda que se teñan iniciado antes da apertura do prazo para solicitar a as axudas.
Poderán solicitalas propietarios e usufructuarios das vivendas e disporán de prazo ata 2020 para executar as obras.
Ademais de axudar economicamente á recuperación das vivendas afectadas polos incendios da pasada fin de semana, a Xunta de Galicia habilitará tamén unha liña de axudas, compatible coa anterior, para pagar o alugueiro dunha vivenda destinada ao realoxo temporal das familias afectadas.
O Goberno galego pagará ata 450 euros durante 2 anos polos alugueiros que se formalicen con posterioridade ao día 14 de outubro como consecuencia da necesidade de abandonar a vivenda habitual a causa da vaga de lumes.

Percibirán, ademais, unha axuda extraordinaria de 600 euros para formalizar a fianza e as altas dos subministros.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.