sábado, 9 de septiembre de 2017

O vindeiro luns ponse en marcha pola Xunta a nova modalidade de autobús compartido

O vindeiro luns 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 197.364 escolares, e por elo recorda hoxe a Xunta de Galicia que ese mesmo día porá en marcha  a nova modalidade de autobús compartido, que permite o uso por parte do conxunto da cidadanía das prazas baleiras de 513 liñas de transporte escolar, aproximadamente o 10% do total.

As rutas incluídas nesta modalidade identificaranse a través dun distintivo de ‘Bus compartido’ que deberán portar os vehículos nun lugar visible.

Conforme as condicións contractuais do Plan de transporte público de Galicia, os horarios, as paradas e os itinerarios do transporte escolar permanecerán intactos, agás polas modificacións derivadas das propias necesidades educativas, habituais no principio do curso.

As empresas titulares das liñas deberán publicitar os horarios dos servizos, así como das súas modificacións cando se produzan, coa fin de que a poboación poida coñecer as novas posibilidades de mobilidade que teñen ao seu alcance.

Así mesmo informa a Xunta que os responsables de efectuar os servizos teñen instrucións precisas de coñecer de antemán os percorridos e as paradas do transporte escolar, xa que a súa obriga, recollida nos contratos, é atender con carácter prioritario as necesidades do alumnado.

A Administración autonómica informou aos centros cuxas liñas de transporte forman parte deste novo sistema, e como na totalidade do transporte escolar, estes comunicaron as modificacións puntais precisas para atender ao alumnado.
                                                                                                              
Con motivo da posta en marcha desta nova modalidade, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda anuncia que desenvolverá un plan especial de inspeccións no que contará coa colaboración da Garda Civil para velar polo correcto funcionamento do sistema.

Ademais, todas as liñas de autobús compartido contarán coa presenza dun monitor acompañante.

Os meus desexos de que esta nova modalidade de transporte mellore o servizo aos escolares e aos habitantes do rural que están necesitados dunha maior e mellor mobilidade.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta