O sector turístico galego, en liña ascendente, con cifras de ata o 95% de ocupación hoteleira durante o verán

Leo con satisfacción a información dada onte polo  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa do Consello, valorando a liña ascendente do sector turístico galego con cifras de ata o 95% de ocupación hoteleira durante o verán, tal e como reflicte o informe preliminar presentado tras a sondaxe feita desde Turismo de Galicia para avaliar o nivel de ocupación no verán.
Máis polo miúdo, Feijóo salientou que segundo os datos aportados polo sector os índices de ocupación de xullo se situaron entre o 75% e o 90%, mentres que en agosto ascenderon ao intervalo entre o 80% e o 95%. “Deste xeito podemos dicir que as expectativas que manexabamos, que apuntaban a un crecemento de entre un 3% e un 5%, cumpríronse e incluso superáronse”, dixo, ao que engadiu que á falta dos datos oficiais de agosto, todo apunta a un novo récord histórico, xa que nos primeiros sete meses do ano o número de turistas que chegaron a Galicia medrou no entorno do 3,2%; o de pernoitas elevouse un 5,6%; “e volvemos superar o récord no número de turistas internacionais”.

En función dos diferentes destinos turísticos, o responsable do Goberno galego precisou que, segundo o informe: A Coruña rexistrou unha ocupación media dun 82% e un crecente peso do turismo internacional, xa que tres de cada dez turistas que pernoitaron na cidade eran estranxeiros. En Santiago de Compostela, as cifras de ocupación situáronse entre o 85 e o 95% e o peso do turismo estranxeiro subiu considerablemente cunha importancia que oscila entre un 30 e un 40%. E, no caso de destinos como Ferrol, os establecementos consultados apuntan a unha ocupación entre un 76 e un 92% e con prezos hoteleiros á alza,
No que respecta á provincia de Lugo, a porcentaxe media sitúase en torno ao 90%, dato que se eleva ao 95% na comarca da Mariña lucense. E, respecto á provincia de Pontevedra, na comarca do Salnés, acadouse unha subida de ata un 3%, chegando a superar o 90% de ocupación.
En relación a cidade de Vigo, a ocupación oscilou entre un 80 e un 95% e na cidade de Pontevedra as cifras de ocupación movéronse no arco do 70 ao 95%, cun moi bo comportamento en agosto.
Na cidade de Ourense, o número de camas ocupadas aumentou nalgún casos ata un 6% con respecto ao ano anterior, situándose a cifra de ocupación no entorno do 85%. E, na Ribeira Sacra a ocupación do mes de xullo foi do 83%, o que supón un aumento do 14% respecto ao mesmo mes do ano anterior.
De entre os datos que apunta o sector, Feijóo destacou que, ademais da ocupación, tamén se incrementa a rendibilidade. Deste xeito, asegurou que a mellora da ocupación, combinada coa recuperación das tarifas, facilitou que “o ingreso por habitación ocupada crecese un 10,2% ata chegar aos 42 millóns de euros”, recordando que este incremento dos ingresos traduciuse nunha mellora do emprego. Non en van, os últimos datos oficiais, correspondentes a xullo, indican que as afiliacións á Seguridade Social no sector turístico medraron un 2,8% con respecto ao ano anterior.
Cómpre salientar ademais que, no mes de xullo de 2017, os tres aeroportos galegos recibiron un 5,9% máis de persoas que o ano anterior.
En relación ao Camiño de Santiago, Feijóo afirmou que tamén segue crecendo: nos meses de xullo e agosto expedíronse arredor de 105.150 compostelas, un 6% máis que en 2016.

O titular da Xunta concluíu a súa intervención asegurando que este datos constatan que Galicia non só atrae cada vez a máis persoas, senón que cada vez atrae un turismo de maior calidade, o que permite que o sector turístico siga sendo unha das locomotoras do crecemento económico. 


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.