Avanza a modernización da sanidade pública de Ourense coa ampliación do CHUO

Da actualidade de onte destaco a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ao novo edificio de hospitalización do CHUO, Ana que asegurou que esta infraestrutura será a primeira pedra da modernización e da innovación do Servizo Galego de Saúde; “un centro punteiro, deseñado ao abeiro dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050, que exportará innovación a todo o Servizo Galego de Saúde”.

Logo de precisar que o traslado a estas novas instalacións comezará en setembro e finalizará en outubro, o titular do Goberno galego explicou que nas plantas seis e sete deste edifico haberá dúas unidades de hospitalización experimental, nas que se avaliarán de xeito continuado os resultados dos procesos innovadores e as novas tecnoloxías aplicadas á sanidade. Nelas haberá 21 cuartos individuais e intelixentes, onde se aplicarán as novas técnicas da domótica e o seguimento remoto.

Estes sistemas permitirán, segundo subliñou o presidente da Xunta, seguir de xeito remoto as constantes dos doentes, a temperatura da sala e o nivel de humidade. E, mediante un sistema de radiofrecuencia poderá facerse un seguimento do paso do paciente por cada estancia.

Así mesmo, Feijóo engadiu que as unidades de hospitalización experimental probarán, ademais, un sistema de dispensación automática de medicamentos, que permitirá controlar todo o proceso desde a súa entrada ao hospital, almacenamento e dispensación. 


Esta nova infraestrutura disporá ademais dunha unidade de hospitalización virtual, que permitirá que os pacientes estean hospitalizados nas súas propias casas, sen que se resinta a calidade da asistencia. Unha unidade que permitirá reducir os riscos de ingreso, sobre todo en pacientes fráxiles, crónicos ou de idade avanzada.

Sobre este punto, Feijóo aseverou que isto será posible grazas a un sistema de seguimento constante, onde os pacientes e coidadores terán conexión directa co persoal sanitario desde o seu fogar. “E, ademais, os profesionais poderán contactar co doente a través de videochamadas e dispoñer de información actualizada sobre o seu estado de saúde”, abundou.

Ao longo da visita, o responsable o Executivo autonómico incidiu en que as novas técnicas e procesos beneficiarán aos usuarios, que poderán evitar ser hospitalizados en moitos casos; e aos profesionais, xa que a tecnoloxía permitirá aumentar aínda máis a calidade da súa atención sanitaria.

Renovación do CHUO

Feijóo aseverou que esta infraestrutura non será o punto final da renovación do CHUO, xa que o obxectivo é que neste 2017 se licite o proxecto construtivo do antigo edificio de hospitalización, de tal xeito que en 2018 se licite a obra para, despois, proseguir coas consultas externas e co materno.

“Hoxe atopámonos nunha peza central da modernización da sanidade pública de Ourense”, afirmou, facendo fincapé en que con esta ampliación, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense gaña 52.000 metros cadrados, contando con 116 camas máis, ata chegar ás 930.

Con máis de 41 millóns de euros, o responsable do Executivo galego subliñou que esta ampliación supón unha sanidade pública máis innovadora e con máis benestar: con salas de estar para os familiares en todas as unidades; con cuartos con conexión a internet, pantallas para acceder á historia clínica e mobiliario ergonómico; e cun parque biosaudable na cuberta do hospital con hortas terapéuticas e espazos de descanso.





Con la tecnología de Blogger.