Todos os treitos pendentes do AVE a Galicia pendentes xa están en execución

Hoxe en Santiago de Compostela, o presidente da Xunta e o ministro de Fomento mantiveron unha reunión de seguimento das infraestruturas pendentes en Galicia que se enmarca dentro do compromiso de Íñigo de la Serna de realizar visitas trimestrais a Galicia para facer seguimento das obras pendentes na Comunidade, e de xeito especial da alta velocidade.

Nela puxeron en valor que todos os treitos pendentes do AVE a Galicia atascados polo bloqueo político do pasado ano xa están en execución, o que permitirá cumprir o calendario comprometido polo Goberno central.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo dixo que “na política do espectáculo, a seriedade é un elemento atribuído ao pasado, pero na política útil é un gran valor”, expuxo, e agradeceu que o titular de Fomento cumpra a palabra dada e siga facendo esta avaliación periódica porque facilita “unha relación de seguridade e confianza”.
Consciente das “dificultades técnicas, administrativas e políticas”, Feijóo destacou a importancia de que se desatascaran todos os treitos da liña ferroviaria. Para ilustralo, remarcou o feito de que esta conexión sexa a única na que non houbo ningunha rescisión de contrato posto que isto é o que garante o obxectivo de que en 2019 o AVE galego estea en probas, tal e como se prometeu desde o Executivo estatal.
Máis alá da entrada da alta velocidade en Galicia, o presidente da Xunta tamén recoñeceu outros importantes compromisos nas conexións internas. No caso do AVE a Lugo, aplaudiu a decisión de Fomento de licitar as obras naqueles treitos que non supoñen novo trazado e nos que é posible aproveitar a declaración de impacto ambiental xa existente, mentres de xeito paralelo se tramitan os treitos de nova variante, posto que isto facilita a diminución dos tempos de conexión.
Respecto a Ferrol, a outra cidade -ademais de Lugo- que non dispón de alta velocidade, Feijóo e o ministro coincidiron na necesidade de adecuar as vías actuais e executar pequenas variantes para acurtar os tempos entre esta cidade e A Coruña e Santiago. Así mesmo, tamén confirmaron avances na tramitación da variante de Taboadela en Ourense e na entrada do AVE a esta cidade pola liña actual mentres non se remata a nova, así como á variante de Cerdedo para a entrada do AVE en Vigo, actualmente en fase de alegacións.
Estacións intermodais 
O presidente da Xunta tamén puxo o acento nos pasos dados para impulsar as estacións intermodais, dentro do obxectivo de que poidan entrar en funcionamento ao mesmo tempo que se remate a conexión de alta velocidade á Meseta. Así, subliñou que as de Vigo, A Coruña e Santiago está moi adiantadas e, no caso da Coruña, agardou que o Concello poida fixar un criterio claro sobre as características básicas do proxecto coa fin de poder avanzar na tramitación administrativa aínda pendente.
AP-9

Outro dos asuntos abordados no encontro é o que ten que ver coa xestión da AP-9, respecto ao que o presidente da Xunta puxo en valor que o Goberno central aceptara asumir a totalidade das bonificacións das peaxes de Rande e A Barcala. Esta decisión, materializada nun Real Decreto aprobado o pasado venres en Consejo de Ministros, vai a permitir que Galicia se libere dun compromiso que lle supuxo arredor de 60 millóns de euros nos últimos anos e, o que é máis importante, que deixe de pagar máis de 400 millóns de euros ata a fin da concesión.

Feijóo agradeceulle esta intervención tanto ao ministro como ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, consciente de que é “unha excepción en España”, así como a creación dunha comisión de seguimento para que Galicia poida participar e opinar nos asuntos relacionados con esta autoestrada. Con todo, o presidente da Xunta engadiu que Galicia “non vai a renunciar á transferencia solicitada da AP-9”. 

Pese a que se mostrou consciente da tensión territorial que hai actualmente en España e comprendeu a prudencia coa que debe traballar o Goberno central no momento político actual, volveu recordarlle ao ministro que na Comunidade galega existe unanimidade absoluta respecto a este asunto. “Do mesmo xeito que é xusto solicitar o traspaso desta estrada, tamén é xusto recoñecerlle ao ministro e ao presidente do Goberno todo o que fixeron en moi poucos meses”, dixo a modo de resumen.



Tanto no relativo á alta velocidade como a outras infraestruturas pendentes, o presidente da Xunta considerou positivo que Galicia sexa a segunda comunidade con máis investimento por habitante de toda España, pero insistiu en que o máis importante é que haxa un alto nivel de execución. Neste senso, apuntou que o seguimento trimestral que se está a facer entre a Xunta e o Ministerio de Fomento fai prever para este ano un nivel de execución moi superior ao de exercicios pasados.
Infraestruturas viarias

Non en van, o ministro fixo un repaso exhaustivo por todas as infraestruturas actualmente en marcha en Galicia, “a comunidade con máis infraestruturas abertas en toda España”, tal e como enfatizou Feijóo. Entre elas, figura a Autovía Santiago-Lugo, que xa está ao 60 % de execución e cuxo tramo Palas de Rei-Melide ve iniciadas as obras precisamente hoxe. Ademais, o ministro comprometeuse a que o único treito pendente, o de Melide-Arzúa, que estará en obras antes de que acabe o ano.


No capítulo de infraestruturas viarias, de la Serna tamén renovou o seu compromiso con outros proxectos, como a ampliación da AP-9. Neste punto, referiuse por exemplo ás obras na Ponte de Rande, que -segundo dixo- están a un 70 % de execución e, atendendo á petición do presidente autonómico, preveu complementalas con pantallas acústicas e visuais que reduzan o impacto desta infraestrutura na cidade.
Igualmente, tamén mencionou o acondicionamento da rotonda de Conxo en Santiago (actualmente en redacción do proxecto), o enlace á Cidade da Cultura (xa en licitación), a ampliación da avenida Alfonso Molina na Coruña (en información pública) ou a Autovía Lugo-Ourense (executada nun 40 %).
Tamén se referiu á variante de Monforte na A-76 (co compromiso de licitala no último trimestre deste ano), aos avances dos tramos da A-74 entre Barreiros e Foz e entre Foz e Burela, e mostrou interese por axilizar a Variante Norte de Ourense. Por último, Feijóo e o ministro abordaron outros asuntos máis puntuais, como unha posible solución para evitar os cortes por néboa na A-8, mediante un proxecto que se vai ensaiar proximamente.
Plan de Vivenda

Na visita, Feijóo e de la Serna tamén aproveitaron para asinar a prórroga do Plan estatal de Fomento do alugueiro, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, un acordo que vai a permitir sumar outros 20 millóns de euros en materia de vivenda.


En concreto, a través dos distintos programas, este Plan traducirase en axudas a vivenda para preto de 4.500 familias galegas e suporá unha importante achega para a Estratexia de Rehabilitación que ten en marcha o Goberno galego, con programas e medidas pioneiras, e que nos leva a destinar neste exercicio un total de 40 millóns de euros para axudar a 6.500 familias a reformar a súa vivenda.

Con todo, Feijóo asegurou que sería mellor poder autorizar unha nova planificación, en lugar dunha prórroga. “unha vez máis atopámonos de fronte coas consecuencias dun ano de parálise política, que impediu desenvolver durante o pasado exercicio ese traballo administrativo porque España non tiña un Goberno con plenas capacidades executivas”, apuntou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.