No inicio das obras do tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 entre Lugo e Santiago

Asisto hoxe na localidade coruñersa de Melide ao acto de inicio das obras do tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela, que discurre polos termos municipais de Palas de Rei na provincia de Lugo e Melide e Santiso na provincia da Coruña.

Un acto presidido polo ministro de Fomento Íñigo de la Serna, que destacou que a nova autovía A-54 é un eixo de gran importancia para a vertebración da Galicia interior e permitirá unir Lugo con Santiago de Compostela mediante unha vía de alta capacidade, mellorando a seguridade, comodidade e tempos de percorrido dos tráficos de longo, medio e curto percorrido.

O tramo de autovía Palas de Rei - Melide discorre ao sur da estrada N-547, cun trazado sensiblemente paralelo a ela. A nova autovía permitirá ademais mellorar sensiblemente a seguridade viaria da actual N-547, tanto rodada como peonil, onde actualmente hai importantes tránsitos de peregrinos do Camiño de Santiago, eliminándose ademais a travesía de Melide.

Co inicio das obras deste tramo e o próximo inicio do tramo contiguo Melide - Arzúa, todo o trazado da autovía A-54 estará ou en servizo (tramos entre Lugo - Palas de Rei e Lavacolla-Santiago), ou en obras (Palas de Rei - Lavacolla), o que demostra o compromiso do Ministerio de Fomento con esta infraestrutura.

O investimento total da actuación ascende a 82,7 millóns de euros, incluíndo os orzamentos das asistencias técnicas de redacción de proxecto, control e vixilancia das obras e o importe estimado das expropiacións (cuxos depósitos previos xa foron abonados), e o prazo de execución previsto dos traballos é de 51 meses.

Neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que todos os treitos da autovía A-54, que une Lugo con Santiago, estarán en servizo ou en obras ao final deste ano. “Todos temos xa a absoluta certeza de que os extremos desa liña se van unir e de que o van facer xa máis pronto que tarde”, afirmou. Esta ruta, libre de peaxe, permitirá percorrer a distancia entre a capital galega e Lugo en menos dunha hora, a metade de tempo ca a actual estrada N-547.
Salientou que este tramo suporá máis calidade de vida, competitividade e oportunidades de acceso ao progreso e ao benestar para todos os veciños de Palas, Santiso e Melide. A autovía liberará a travesía desta vila de moito volume de tráfico, polo que os veciños desta vila e os peregrinos poderán circular con moita máis tranquilidade.
O presidente destacou tamén a complexidade técnica desta infraestrutura, que se realizará grazas a un investimento de máis de 70 millóns de euros do Goberno central. Ao longo dos 11,7 quilómetros que separan Palas e Melide construiranse un total de 16 estruturas, dos cales 5 serán viadutos, debido ás características das comarcas da Ulloa e Terra de Melide e á vontade de respectar a súa riqueza ambiental e patrimonial. Deste xeito permitirase, por exemplo, respectar a zona protexida da serra do Careón e o viaduto sobre o río Pambre.
Agradecemento ao Ministerio
A autovía entre Lugo e Santiago abriu nun só ano, 2015, catro treitos que supoñen o 40% do seu trazado. Isto exemplifica que o Goberno central tivo, como salientou Feijóo, “a valentía de destinar a Galicia os recursos e os esforzos para empezar a acurtar o inxusto déficit en comunicacións que arrastraba esta terra”.
O presidente explicou tamén que o Goberno central xa está a traballar no proxecto de enlace orbital para conectar a AP-9 e a A-54, conectando así de xeito pleno e completo a provincia de Lugo co Eixo Atlántico.
Feijóo puxo tamén en valor o esforzo da Xunta por avanzar na vertebración de país, cos máis de 200 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe que se puxeron en servizo durante os anos da crise. Estes avances tiveron sempre en conta a necesidade de apostar pola Galicia interior e o reequilibrio territorial, con vías como o eixe Lugo-Monforte, que enlaza a esta autovía, ou a vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao. Nesta mesma dirección, o Goberno galego tamén está a traballar na mellora da estrada entre Palas e Friol.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.