Impulsar o benestar e fomentar un estilo de vida saudable: fins do "Día Mundial do Benestar"

Asisto esta mañá en Ourense á celebración do Día Mundial do Benestar (Global Wellness Day) cun acto que reuniu na Piscina das Burgas da cidade a distintos representantes institucionais, empresariais e sociais entre os que se atopaban o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz; o vicepresidente da Deputación e concelleira de Termalismo de Ourense Jorge Pumar; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense e o director de Termatalia, Alejandro Rubín. 
 
Estivo organizado por Termatalia e contou coa colaboración do Concello de Ourense. 
 
Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, conta unha rede estratéxica internacional na que se inclúen moitas das entidades que promoven o turismo de saúde a nivel mundial. 
 
Ourense, pola súa banda, celebra este día para promocionarse como destino saudable, un concepto que vai máis aló do seu potencial termal e que inclúe tamén os seus recursos naturais e unha gastronomía de calidade con moitos produtos "quilómetro cero" producidos, transformados e comercializados na provincia.
 
O Día Mundial do Benestar é un evento que transcende fronteiras, celébrase a nivel global o segundo sábado de cada mes de xuño, na actualidade máis de 74 países xa teñen unha participación activa. O fin desta xornada de reflexión é impulsar o benestar (Wellness) e fomentar un estilo de vida saudable. Con esta iniciativa, búscase crear conciencia social sobre as consecuencias e a importancia que teñen a prevención e o benestar na saúde das persoas.
 
A primeira celebración tivo lugar en Turquía no ano 2012 e aquilo que naceu como un pequeno evento local, en tan só cinco anos, converteuse nunha celebración de magnitude global. O seu obxectivo: Crear conciencia social para impulsar o benestar e un estilo de vida máis saudable. Hoxe máis de 600 emprazamentos repartidos entre os sete continentes xa alcanzaron a máis de 100 millóns de persoas. E o movemento segue crecendo.
 
As actividades que promove esta celebración son: camiñar unha hora ao día, levar unha vida respectuosa co Medio Ambiente, beber moita auga, elaborar un menú diario san e con produtos frescos e locais, pasar tempo coa familia e durmir un mínimo de oito horas. 
 
Recoñezo que a día de hoxe  estóu lonxe de acadar eses obxectivos, pero paga a pena perseguilos.

Con la tecnología de Blogger.