Na presentación da Estación intermodal de Ourense

Asisto esta mañá no Auditorio Municipal ao acto de presentación da estación intermodal de Ourense, que contou coa presenza, ademais do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente de Adif, Juan Bravo; da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; do presidente da Deputación Manuel Baltar, de deputados e senadores, de concelleiros, dos membros da Comisión de Seguimento da chegada do AVE no Concello de Ourense, e representantes de asociacións, colectivos e entidades sociais, veciñais, empresariais e profesionais da cidade.
Moderou o acto Ricardo Babío, Decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia de Galicia, que deu en primeiro lugar a palabra a Juan José Lamas, subdirector de proxectos de ADIF, que se referiu ao Convenio Marco de Colaboración subscrito o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Ourense e ADIF AV, que persegue tres grandes obxectivos: a intermodalidade, a integración urbana do ferrocarril e dotar de boas instalacións á estación de Ourense. Adif Alta Velocidade executará e financiará as obras de adaptación da estación de ferrocarril aos servizos de alta velocidade cun total de 140 millóns de euros (IVE incluído). O proxecto complétase cos 10 millóns (IVE incluído) que a Xunta investirá no desenvolvemento da estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo.

Dixo que deste xeito, o Convenio Marco de Colaboración permitirá dotar á estación de Ourense das instalacións e condicións necesarias para atender as necesidades que xerará a chegada da alta velocidade a Galicia, que está prevista para 2019 unha vez que estea concluído o tramo de nova construción entre Pedralba de la Pradería (Zamora) e Taboadela (Ourense).

E que finalizado o proxecto da intermodal, a terminal potenciará a súa función de nó ferroviario distribuidor desde a meseta cara ao resto de liñas de ferrocarril da comunidade galega, facilitando o seu desenvolvemento e a cohesión territorial, xunto coa terminal de autobuses lindeira.

A continuación falou o arquitecto Pablo Uranga do equipo de arquitectos Foster+Partners presentando o proxecto para o desenvolvemento da nova estación ferroviaria de Ourense, financiada por Adif Alta Velocidade e integrada dentro dunha estratexia global urbana nun espazo intermodal onde se situará tamén a estación de autobuses.

O proxecto no seu conxunto, no que tamén participaron o estudo ourensán de Juan Carlos Cabanelas e a enxeñería pública Ineco, mellora especialmente a permeabilidade da cidade mediante conexións peonís e rodadas e unha nova praza como espazo público de reunión, así como un edificio máis amplo para viaxeiros.

Entre as actuacións para a adaptación da estación de Ourense aos novos servizos de alta velocidade figuran as seguintes:

- Adaptación e ampliación do edificio de viaxeiros existente mediante un novo vestíbulo capaz de aloxar zonas de espera, comerciais e aquelas asociadas aos novos fluxos de viaxeiros, en óptimas condicións de confort e seguridade, permitindo a intermodalidad coa nova estación de autobuses.

- Construción de dúas novas plataformas e catro vías en ancho estándar para os novos servizos de alta velocidade, mantendo a praia de vías de ancho ibérico na súa localización actual. Coa nova configuración de vías conséguese a segregación dos tráficos, permitindo un mellor control e xestión dos mesmos. Isto facilita así mesmo a execución das obras por fases, mantendo en funcionamento a estación actual.

- Construción dunha nova pasarela elevada sobre vías en substitución do paso inferior existente. Esta pasarela contará con núcleos de comunicación vertical (fixas e ascensores) cumprindo con todos os requisitos en materia de accesibilidade.

- Execución dun novo aparcadoiro subterráneo baixo a praza da estación con capacidade para 300 prazas aproximadamente.

- Reordenación da praza da estación sobre o novo aparcadoiro subterráneo, incluíndo bolsa de taxis, zonas de parada momentánea, aparcadoiro de motos e bicicletas, etc.

- Desta forma defínese unha nova praza peonil cuberta na fronte da estación actual, que funciona como nodo intermodal e gran espazo público representativo, que conecta a estación de ferrocarril, a nova estación de autobuses, o novo aparcadoiro subterráneo e a nova pasarela peonil urbana entre os barrios de “O Vinteun” e ”A Ponte”.

- Os problemas de permeabilidade solucionaranse mediante a execución da pasarela peonil xa mencionada, un novo viario e unha laxa sobre vías, que se integrará coa trama urbana creando novos espazos públicos e zonas axardinadas para goce da poboación.

- A proposta arquitectónica de Foster+Partners e o estudo de Juan Carlos Cabanelas configúrase como unha gran cuberta formada por unha serie de planos de formigón sobre esveltos alicerces, entendida como a forma máis eficiente e con mínimo mantemento para proporcionar protección fronte ás choivas e a calor estival de Ourense.

Concibido como un sistema modular que permite futuras ampliacións, a cuberta intégrase co edificio histórico abrazándoo e tomando a cor do seu granito, e esténdese sobre a nova praza de acceso. Este espazo queda liberado de coches tras crear o novo aparcadoiro subterráneo, xerando así un ámbito público dinámico e parcialmente cuberto con espazos comerciais na fachada da estación.

- Desde esta praza accédese ao vestíbulo da ampliación, un novo espazo de tripla altura repleto de luz natural, onde se conservan e realzan os frescos orixinais que hoxe locen neste lugar. Desde este punto, e a través da zona de ampliación, pódense ver todas as vías creando así un uso intuitivo e sinxelo da estación.

Logo interveu o enxeñeiro de INECO, Tomás Mañas que falou da operativa ferroviaria explicando as características da estación de Ourense, na que o transbordo representa o 60 % e que as actuacións a realizar potenciarán o carácter central  desta estación.

Informou das perspectivas de crecemento do número de pasaxeiros que esperan evolucións desde os 700.000 viaxeiros ao 1.000.000 nun futuro moi próximo. Ademais, explicou a prevista remodelación de vías e andenes que no require tramitación previa ambiental e permitirá a licitación da obras no cuarto trimestre de 2017.

Falou de que construiranse dúas novas plataformas e catro vías en ancho estándar para os novos servizos de alta velocidade, mantendo a praia de vías de ancho ibérico na súa situación actual.

Finalmente interveu a arquitecta Lorena Pardiñas, que explicou o proxecto da nova estación de autobuses que estará integrada nas inmediacións do actual edificio ferroviario. Unha actuación financiada pola Xunta de Galicia que recibirá fondos do FEDER a través do seu Programa Operativo Galicia 2014-2020.

A solución deseñada por Proyfe incluirá os accesos á nova estación de autobuses, tanto rodados como peonís e a súa conexión co viario actual e previsto no plan. Todo iso buscando a máxima integración entre ambos os medios de transporte co obxectivo de potenciar as súas sinerxias.
A estación de autobuses disporá e 15 dársenas de viaxeiros máis outras tres de regulación, xunto cun vestíbulo de máis de 400 metros cadrados. Así mesmo, vinculado á estación de autobuses executarase un aparcadoiro subterráneo con 300 prazas que permitirá recuperar para o uso urbano o espazo ante a estación ferroviaria, que se reconverterá en praza.
Ao finalizar estas intervencións, o público asistente puido facer preguntas aos relatores que deron cumprida resposta.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.