Galicia é segunda comunidade autónoma con maior investimento per cápita, moi por enriba das comunidades catalá e vasca


Hoxe en rolda de prensa o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Pedro Puy afirmou “Que sexamos a segunda comunidade autónoma con maior investimento per cápita, moi por enriba das comunidades catalá e vasca, quere dicir que Galicia está tratada razoablemente nos orzamentos”.

Cuestionado sobre as melloras en infraestruturas ferroviarias negociadas polo PNV para o País Vasco nos orzamentos do Estado, Puy lembrou que na actualidade nesta comunidade autónoma non existe AVE nin tampouco a Y ferroviaria vasca, mentres que “o equivalente en Galicia xa existe e está funcionando entre A Coruña, Vigo e Ourense”. “Pactaron unha chegada do AVE ao País Vasco para tres ou catro anos despois que en Galicia”, subliñou.

“Non teño a máis mínima información sobre o retraso das obras do AVE como consecuencia do acordo co PNV para os orzamentos do Estado, polo que non hai motivo para pensar que iso vai afectar ao AVE a Galicia”, manifestou o portavoz popular, quen avogou porque “o mellor será que os orzamentos se aproben e que se executen”.

Así mesmo, explicou que “estanse mesturando dúas cuestións diferentes: os investimentos do Estado e o cupo vasco, que está relacionado co financiamento autonómico”; e lembrou que o Goberno central “decidiu que as comunidades autónomas ían ter este ano unha cantidade de recursos económicos importante a maiores, que no caso de Galicia ascende a 400 millóns de euros, como anunciou a propia vicepresidenta do Goberno”.

Desde un punto de vista político, Puy considerou chamativo que “o PSOE, a quen se lle ofreceu ser o interlocutor principal para a negociación dos orzamentos e con quen se chegou a aprobar o teito de gasto, non quixera entrar na negociación e agora se queixe de que os acordos se fixeran con outros grupos que foron máis responsables”.

Neste sentido, demandou “coherencia” tanto a socialistas como a En Marea porque “levan anos arelando a desaparición das maiorías absolutas porque iso obrigaba a pactos entre as forzas políticas; e non se pode criticar unha cousa e a súa contraria”. “Criticaban que o PP non pactaba e agora que pactamos, que teñan algo que dicir máis aínda cando eles mesmos se autoexcluíron das negociacións” sinalou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.