Como xa informei nunha anterior entrada, o pasado mércores preguntaba na Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados sobre diferentes cuestións relacionadas coas obras da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia.
O Secretario Xeral de Infraestruturas, Manuel Niño dábame a primicia de que o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade, o 29 de marzo, aprobara a adxudicación da construción dun cambiador de anchos en Pedralba de la Pradería (Zamora), en citada LAV, pertencente ao Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade.
O citado contrato foi adxudicado á empresa AZVI por 5.195.991 euros (IVE incluído) e establece un prazo de execución de 13 meses.
O cambiador permitirá conectar a vía única sen electrificar de ancho convencional Zamora-A Coruña, á altura do punto quilométrico 112, co novo tramo de alta velocidade en construción Zamora-Lubián, nunha zona de intersección de ambos os trazados próxima a Pedralba.
A instalación posibilitará o uso do 111 km de trazado de alta velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería, mentres finaliza a construción do tramo Pedralba-Ourense (118 km aproximadamente).
Cambiador de Pedralba:
O obxectivo do cambiador de anchos dual de Pedralba de la Pradería é a mellora no aproveitamento da explotación conxunta da rede de Alta Velocidade e a rede de ancho convencional, o que redundará en aforros nos tempos de viaxe e na mellora da xestión dos activos ferroviarios.
O Alvia pasando polo cambiador de Zamora |
As instalacións do cambiador de anchos constan dun foso de dimensións interiores de 16 m de lonxitude e 7,4 m de anchura, no que se situará un cambiador de anchos dual, no interior dunha nave. A instalación complétase con fosos de observación, que permiten o control dos eixos dos trens, previamente ao proceso de cambio de anchos.
Estamos pois ante unha excelente noticia que acredita a vontade inequívoca do Ministerio de Fomento de impulsar as obras de acceso a Galicia.
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es