Galicia é a terceira comunidade de réxime común que paga con maior axilidade aos seus provedores

Saliento que  na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de Galicia celebrado onte, o  vicepresidente, Alfonso Rueda, afirmou que o Goberno galego vai seguir traballando por que Galicia sexa unha das comunidades de réxime común que paga con maior axilidade aos seus provedores e cumprirá o obxectivo de reducir o tempo de pago a unha media de dez días, é dicir, á metade do que o fixo o pasado ano.
Lembrou o vicepresidente da Xunta, que na actualidade Galicia é a terceira comunidade de réxime común que paga con maior axilidade aos seus provedores e o período medio de pago en 2016 baixou aos 21 días. Isto significa que a Administración autonómica atende con normalidade os seus 17.600 provedores, cos que só o ano pasado abonou máis de 609.000 facturas por importe de 3.054 millóns de euros.
Segundo Rueda, isto permite cumprir con tres obxectivos: atender a aqueles que máis precisan de liquidez, priorizando aos pequenos provedores, empresarios autónomos, pequenas e medianas empresas e entidades sociais; axilizar ao máximo o tempo de pago; e seguir apostando pola factura electrónica, en cuxa implantación a Xunta foi pioneira.
Con respecto a isto, o vicepresidente da Xunta fixo fincapé en que en 2016 o 78% das facturas recibíronse a través do sistema electrónico, máis do dobre que o ano anterior. Non en van, os provedores rexistrados no sistema de facturación electrónica multiplicáronse por 8 desde o ano 2010, pasando de ser 2.196 aos 17.618.
Con todo, Rueda asegurou que, pese a que o Goberno galego pode sentirse satisfeito de estar pagando aos seus provedores a un nivel razoable, non se conforma e quere seguir esforzándose neste eido. Así, introducirá melloras no sistema de pago como a axilización da tramitación interna das facturas; a posta en marcha dun sistema de alertas; o rexeitamento inmediato das facturas incorrectas; ou a simplificación dos informes de seguimento.

En definitiva, unha boa noticia que Galicia quera seguir estando entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores e facelo nunha media de dez días, compatibilizándoo co control do déficit e co mantemento dos servizos públicos.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.