Luz verde da Xunta á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no Campus de Ourense

Celebrar efusivamente que hoxe o Consello da Xunta de Galicia dera  luz verde á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, co que se dá un paso máis na potenciación do Campus de Ourense, sendo a sede de impartición do grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Universidade de Vigo.

Informa a Xunta que a creación deste centro responde á especificidade da propia titulación, que demanda contar cun espazo propio e propiamente equipado no referido a recursos humanos, instalacións e materiais. Con todo, a Universidade estimou que durante o presente curso e o vindeiro a titulación pode impartirse nas instalacións actuais da Facultade de Ciencias no devandito campus.

Ademais, conta con instalacións que permiten cubrir a docencia de materias concretas do terceiro e cuarto curso do grao.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o grao en Enxeñaría Aeroespacial, que conta neste primeiro curso de impartición con 50 matriculados, pretende achegar esta industria ao alumnado galego. Deste xeito, o alumno con esta vocación poderá formarse en Galicia e a industria galega terá na universidade un socio tecnolóxico e un centro de referencia no que apoiarse para manter o crecemento do sector.

Neste sentido, cómpre lembrar que ata hai poucos anos as titulacións de enxeñeiro aeronáutico e enxeñeiro técnico aeronáutico só se impartían na Universidade Politécnica de Madrid, que o imparte dende o ano 1928. Actualmente, impártense na Universidade de Sevilla, na Politécnica de Cataluña, na Universidade Carlos III, na Rey Juan Carlos, na Universidade Autónoma de Madrid, na Alfonso X El Sabio, na Universidade Europea de Madrid, e nas universidades de Valencia e de León.

Ademais da alta inserción laboral dos egresados neste eido (segundo o estudo realizado entre 2000 e 2005 polo Libro branco da enxeñaría aeronáutica o 70% dos titulados traballan con contrato indefinido), a implantación desta titulación apoiouse na necesidade da industria galega de contar con titulados formados na disciplina aeronáutica, así como na exitosa liña de investigación aeroespacial desenvolvida por investigadores da Universidade de Vigo.

Ademais, poden influír no desenvolvemento deste campo a creación do Centro de Investigación de Drons no aeródromo de Rozas en Lugo, e a previsión de creación da incubadora de negocios SBAI polo Consorcio Zona Franca de Vigo.





Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.