Coñecemos hoxe o Informe de comercio exterior, xaneiro-setembro de 2016, que contén unha excelente noticia: as exportacións españolas de mercadorías aumentaron un 1,2% nos nove primeiros meses de 2016, ata os 188.485,2 millóns de euros, máximo histórico da serie para o acumulado neste período. En volume o aumento foi maior, do 3,2%, ao caer os prezos, aproximados polos Índices de Valor Unitario (IVUs), un 2,0%.
As importacións, pola súa banda, minoráronse un 1,6% ata os 201.712,3. En cambio, en termos de volume, ascenderon un 2,7%, xa que os prezos reducíronse un 4,2%.
Como resultado, de xaneiro a setembro o déficit comercial alcanzou os 13.227,1 millóns de euros, un 29,0% menos que o rexistrado no mesmo período de 2015, e o segundo mellor saldo rexistrado para o acumulado dos nove primeiros meses do ano desde 1997, só superado en 2013. A taxa de cobertura situouse no 93,4%, é dicir, 2,5 puntos porcentuais máis que a de xaneiro-setembro de 2015 (90,9%, datos provisionais), e a segunda maior cobertura rexistrada para este período de toda a serie histórica, só superada en 2013. O saldo non enerxético arroxou un déficit de 1.177,9 millóns de euros (superávit de 2.034,1 millóns de euros en xaneiro-setembro de 2015), mentres que o saldo enerxético diminuíu un 41,7% como resultado da substancial caída dos prezos da enerxía.
Se comparamos internacionalmente, os resultados acumulados das exportacións para España (1,2%) son mellores aos rexistrados para o conxunto da zona euro (0,0%) e para a Unión Europea (-0,9%). De entre as principais economías da UE, descenderon as exportacións de Francia (-1,5% interanual) e Reino Unido (-4,3%), mentres que creceron as de Alemaña (1,0%) e Italia (0,5%), aínda que en ambos os casos en menor medida que as de España. Fóra da UE, tamén decreceron as vendas de Estados Unidos (-5,0% interanual), China (-6,8%) e Xapón (-9,2%).
Nos nove primeiros meses de 2016 evolucionaron positivamente as exportacións dos principais sectores. Así, os bens de equipo (20,1% do total) subiron un 2,2% interanual; e o sector do automóbil (18,0% do total) e o de alimentación, bebidas e tabaco (16,8% do total) incrementaron as súas vendas un 8,5% e 6,2% interanual, respectivamente. Doutra banda, retrocederon as vendas dos sectores de produtos enerxéticos (-4,4% interanual) penalizados polos baixos prezos da enerxía, produtos químicos (-0,4%), semimanufacturas non químicas (-2,8%), materias primas (-6,7%) e outras mercadorías (-49,4%).
En canto ás importacións, a consolidación da recuperación da economía española explica o crecemento da maioría dos sectores. Así, as importacións de bens de equipo (21,6% do total) subiron un 8,0% interanual, as do sector automóbil (13,9% do total) creceron un 5,3%, e as compras de manufacturas de consumo, de alimentación, bebidas e tabaco e de bens de consumo duradeiro aumentaron un 6,2%, 5,1% e 8,8%, respectivamente.
As exportacións dirixidas á Unión Europea (66,5% do total) incrementáronse un 3,9% en xaneiro-setembro de 2016 respecto ao mesmo período do ano anterior. No caso das vendas á zona euro (51,7% do total), e as destinadas ao resto da Unión Europea (14,7% do total), ascenderon un 3,6% e un 4,9%, respectivamente. En cambio, a desfavorable conxuntura nos países emerxentes explica que as exportacións a terceiros destinos (33,5% do total) diminuísen un 3,8% neste período, con descensos das vendas a América do Norte (-1,0%), América Latina (-11,3%), Oriente Medio (-5,0%), África (-1,1%) e Oceanía (-22,3%). Só se incrementaron as destinadas a Asia excluído Oriente Medio (3,1%). Aínda que as vendas a terceiros mercados tiveron unha tendencia decreciente en xeral, teñen especial relevancia os aumentos das vendas a mercados con gran potencial como Marrocos (+15,0%), China (+11,8%), Canadá (+9,1%) e Chile (+3,3%).
Por Comunidades Autónomas, as comunidades que experimentaron unha maior taxa de variación interanual das súas exportacións en xaneiro-setembro de 2016 foron Castela e León (11,1% interanual), Castela-A Mancha (9,3%) e Cantabria (5,2%). En cambio, os maiores descensos interanuais rexistráronse en Canarias (-18,9% interanual), o Principado de Asturias (-12,4%) e Illes Balears (-11,0%).
En termos de contribucións á taxa de variación interanual das exportacións totais, as maiores contribucións positivas corresponderon a Castela e León (0,6 puntos porcentuais) cuxas exportacións representaron 6,4% do total e creceron un 11,1% interanual, e Cataluña (0,5 puntos porcentuais) cuxas vendas supuxeron o 25,8% do total, e aumentaron un 2,1% interanual. As comunidades coas maiores contribucións negativas foron a Comunidad de Madrid con -0,4 puntos (10,9% do total de exportacións, caeron un 3,3%) e o Principado de Asturias con -0,2 puntos (1,3% do total, decreceron un 12,4%).
GALICIA
As exportacións de Galicia (7,8 % do total), incrementáronse un 4,7 %. E as principais proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (29,6 % do total, aumentaron un 16,5 % interanual), sector automóbil (20,2 % do total, creceron un 4,1% interanual) e bens de equipo (15,5 % do total, mantivéronse estables).
As importacións de Galicia (5,8% do total) ascenderon un 3,1% interanual.
Fonte: Informe elaborado pola Subdirección Xeral de Avaliación de Instrumentos de Política Comercial, Secretaría de Estado de Comercio.
Recibirá resposta