Saliento nesta entrada que hoxe o presidente da Deputación Provincial de
Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo no Campus de
Ourense, Andrés Mazaira, presentaron o novo formato do Observatorio
Económico Provincial, que actualizará os datos de maneira permanente que
poderán consultarse a través da web da Deputación de Ourense, en galego e
inglés, con novas formas de visualización máis dinámicas, intuitivas e
gráficas.
A conclusión dos últimos datos do Observatorio,
presentada revela que a provincia de Ourense está a prolongar a
duración e a intensidade dos períodos de recuperación económica. As afiliacións
á Seguridade Social súmanse á salientable evolución do paro, e xa encadean oito
trimestres consecutivos con subidas nas taxas interanuais Así, reflíctese que o
reforzamento do mercado laboral no terceiro trimestre permitiu recuperar o
ritmo de rexeneración de finais de 2015. A taxa de paro interanual rexistra 33
meses seguidos de descenso.
Manuel Baltar destacou na presentación que o novo
Observatorio Económico Ourensán “permite actualizar en tempo real os datos
socio-económicos da provincia para que cidadáns, empresas e administracións
poidan consultalos en todo momento a través da web da Deputación de Ourense”.
“Trátase dunha ferramenta aberta e participativa –explica o presidente- que
afonda na transparencia e en compartir información coa cidadanía, e que nos
axuda a poñer en marcha políticas públicas en función dos indicadores que
reflicte a nosa provincia, un innovador método de análise polo que xa se teñen
interesado outros gobernos provinciais, porque nos permite avaliar polo miúdo a
situación socio-económica de comarcas e concellos, aspecto este innovador e de
grande utilidade”.
Na actualidade, a economía ourensá atópase na previsible
parte final dunha serie de sete meses consecutivos con significativos recortes
do paro. A data de hoxe contabiliza 5.264 parados menos que en marzo de 2016 e
preto de 10.000 menos (en concreto 9.608) que no arranque de 2014, o que
equivale a reducións porcentuais do 20 % en sete meses e do 31,3 % en
comparación con xaneiro de 2014 (33 meses).
Unha nova salientable é que por primeira vez na fase de
rexeneración laboral, o ciclo de melloría do paro prolongouse a un mes de
setembro, en contraste co resto de Galicia, onde setembro marcou cambio de tendencia
(fin dos descensos). Ademais, o rexistro actual de pouco máis de 21.000 parados
é o máis baixo desde o inicio da crise e permite recuperar os niveis previos ás
recesións, xa que devolve á provincia ata os valores propios de finais do ano
2008.
De perdurar as tendencias, a partires do segundo
trimestre de 2017 Ourense estaría en disposición de situarse por debaixo da
barreira dos 20.000 parados, dato que non se observa desde outubro de 2008. E
xa cun obxectivo máis ambicioso, o vindeiro reto sería achegarse ao record
mínimo nas cifras de paro vivido en setembro de 2007, con 17.732 inscritos.
A reacción, a reactivación, a rexeneración e o novo
alento laboral da provincia constátanse con fitos como os seguintes:
-
Ourense xa encadea unha marca de 33 meses consecutivos con baixadas do paro
en taxa interanual.
-
O mes máis recente (setembro de 2016) deixou a máis forte redución en taxa
interanual de toda a serie, situada no 10,5 %, case tres puntos porcentuais
mellor que a de hai un ano.
-
Desde xaneiro de 2014, o paro interanual decrece mes a mes en taxa
interanual no conxunto das 12 comarcas e dos 92 concellos ourensáns.
-
Nas series trimestrais, o paro está a baixar en 86 dos 92 concellos e na
totalidade das comarcas, con dez delas restando parados a un ritmo anual
superior ao 10 % (só Ourense, co -3,9 %, e
Allariz-Maceda, co -7,1 %, non acadan tan forte velocidade).
Por outra banda, o novo Observatorio Económico Ourensán
salienta que o bo comportamento do paro rexistrado, que foi unha constante ao
longo de toda a crise, estase a acompañar de máis celeridade no auxe das
afiliacións e igualmente dunha maior duración dos ciclos de rexeneración
laboral.
Así, a provincia xa acumula oito trimestres con incrementos en taxa interanual. Logo dunha relativa moderación a comezos de ano, a velocidade media de recuperación das afiliacións volve a achegarse ao 1 % en taxa interanual.
Así, a provincia xa acumula oito trimestres con incrementos en taxa interanual. Logo dunha relativa moderación a comezos de ano, a velocidade media de recuperación das afiliacións volve a achegarse ao 1 % en taxa interanual.
Ourense aproveitou a estacionalidade do verán para
consolidar o nivel das 100.000 afiliacións, e con cifras máis elevadas que as
do verán de 2015 (101.675 afiliacións fronte a 100.160). Máis da terceira parte
dos concellos (36 dos 92) e tres comarcas asinan incrementos de afiliados no
último ano. O crecemento sitúase nos territorios que sosteñen -en contribución
e proporción- o mercado laboral da provincia, como son os casos de Ourense e ou
seu cinto industrial, de Valdeorras e mesmo de Allariz-Maceda. Nesta ocasión só
se descolga a comarca de Carballiño, onde baixan o 1,2 %, ao acusar certo
desgaste tras varios períodos de rexeneración laboral.
No terceiro trimestre de 2016 houbo un saldo neto de
1.322 afiliacións no conxunto da provincia, o que significa a cuarta alza máis
forte rexistrada desde o ano 2011. Esa subida mellorou en 213 afiliacións o bo
dato que xa se dera no mesmo período de 2015.
O Observatorio afonda máis na variable das afiliacións e
ofrece outra visión, desde o enfoque do domicilio da conta de cotización do
traballador, é dicir, tendo en conta o lugar no que a súa empresa ou centro de
traballo está domiciliada e non en función do municipio no que reside o
afiliado. Esta análise permite coñecer que entre xaneiro de 2015 e setembro de
2016 as afiliacións por conta de cotización medraron en 76 dos 92 concellos, e
que case na metade deles (en 31) as subidas en taxa acumulada acadaron o dobre
díxito (superiores ao 10%). En oito casos, o crecemento superou o 20%.
Os datos do Observatorio demostran que Ourense é unha
provincia con acentuada vocación exterior. O volume acumulado entre os meses de
xaneiro e setembro deixa, por segundo ano consecutivo, un importe superior aos
500 millóns de euros nas transaccións realizadas. En concreto, foron 513,8
millóns. En todo 2016 o ritmo exportador resultou moi constante, cun rango
mensual comprendido entre os 60 e os 70 millóns de euros, agás en xullo, cando
baixou lixeiramente (56 millóns).
Nos tres primeiros trimestres do ano, as importacións
ourensás sumaron 327,5 millóns, polo que a balanza comercial segue reflectindo
un dos superávits máis fortes de toda España. Cos datos de agosto queda fixada
no 170 %, o que equivale a dicir que mellorou en 42 puntos porcentuais en
comparación co peche de 2015. En meses illados, e polo impacto de expedicións
puntuais, o superávit comercial da provincia de Ourense mesmo chegou a estar
por enriba do 200 %, como aconteceu en xuño e abril de 2015.
O Observatorio Económico Ourensán sinala que, no ámbito
demográfico aceléranse as tendencias negativas tanto en termos de perda de
poboación como de envellecemento. Segundo a información do padrón municipal, a
poboación da provincia, a 1 de xaneiro de 2016, ascendía a 314.705 habitantes,
experimentando un decrecemento do 1,16 % respecto da poboación provincial ao
inicio do ano 2015. Dito decrecemento é 0,63 puntos superior á diminución que
sofre a poboación galega, manténdose deste xeito o diferencial do ano anterior.
Mentres, segue a crecer o número de ourensáns inscritos
no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), que a 1 de xaneiro de
2016 alcanzaba a cifra de 111.674; o 35,5 % da poboación ourensá, un punto máis
do que supuña a 1 de xaneiro de 2005.
A pirámide poboacional da provincia reflicte con
claridade a intensificación do proceso de envellecemento, cunha notable
redución da base da pirámide e o ensanchamento da parte superior da mesma. Por
primeira vez, a 1 de xaneiro de 2016, o grao de envellecemento da poboación
ourensá superou a barreira dos 50 anos. Só dúas comarcas posúen unha idade
media inferior á idade media provincial: Ourense e Valdeorras.
A análise municipal amosa que o descenso poboacional é
xeralizado; únicamente 13 concellos presentan a 1 de xaneiro de 2015 unha
poboación igual ou superior á que presentaban no ano 2014. Estas subidas
excepcionais déronse en Vilardevós (7,21 %), A Peroxa (1,95 %), Cualedro (1,77 %),
Punxín (1,47 %), San Cibrao das Viñas (1,29 %), Barbadás (0,89 %), Sandiás
(0,77 %), Carballeda de Avia (0,72 %), Coles (0,57 %), Esgos (0,33 %),
Vilamartín de Valdeorras (0,28 %), Manzaneda (0,21 %) e Carballeda de
Valdeorras (0,06 %).
Parabens a Deputación Provncial.
Recibirá resposta