Avanza a rexeneración do ecosistema fluvial co proxecto LIFE Regenera Limia


Difunde hoxe a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e cuxa sede está en Ourense,  unha moi boa noticia.

Informa que están en marcha as accións B3 e B4 incluídas no proxecto LIFE Rexenera Limia, que foron licitadas por un importe total de 545.000 € e que se adxudicaron por 327.945 €. 

A través da Acción B3 execútase o proxecto de recuperación do antigo trazado do río Limia nas Veigas de San Lorenzo en Rairiz de Veiga (Ourense), conectándoo co río Limia a través de dúas obras de drenaxe, provocando que nos meses húmidos a auga volva circular pola antiga canle e a súa chaira de inundación para que a vexetación de ribeira realice a función de retención e asimilación dos nutrientes presentes na auga, mellorando así  a calidade da auga do río Limia. 
                                    
Coa rexeneración do ecosistema fluvial mellorarase o estado de boa conservación os hábitats naturais de especies presentes na zona recollidos na Rede Natura 2000.

Mediante a Acción B4, execútase no municipio de Sandiás (Ourense), a
conexión de dúas charcas, en desuso pola explotación arenera, coa Canle da Lagoa de Antela. Para iso estanse  construíndo tres obras de paso, instalando tres illas flotantes e revegetando as beiras, a través do que se conseguirá que a auga recircule polas charcas no período húmido e vexa reducida a súa presenza en nutrientes pola acción de asimilación das raíces das plantas. 

Esta acción será moi beneficiosa para as aves que habitan nesta ZEPA -Zona de Especial Protección de Aves- da Limia (Ourense). 

Sinalar que o proxecto LIFE Rexenera Limia  foi aprobado pola Comisión Europea en abril de 2014 co obxectivo de compatibilizar as actividades do sector primario co coidado do medio ambiente.


Trátase de dar solución a unha masa de auga moi modificada pola actividade do sector primario, utilizando para iso técnicas innovadoras que contribúan a cumprir os obxectivos ambientais que establece a Directiva Marco da auga e a normativa de transposición á lexislación española.

Dentro do programa de traballo están incluídas 26 accións, algunhas xa executadas, entre as que destaca o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión dos residuos gandeiros co ánimo de reducir o seu impacto no ambiente, apostando por humidais artificiais intensivos de macrófitos, creando para iso un sistema de lagunaxe artificial como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medio destes métodos naturais de depuración, co que se determinará a efectividade deste sistema así como a adecuada relación do custo-eficiencia das técnicas aplicadas.

Por outra banda trátase de demostrar que é posible unha mellor xestión ambiental dos terreos agrarios mediante a optimización do uso de fertilizantes de orixe orgánica a través dun sistema de control integrado de condicións edafológicas. Isto significa que é posible mellorar os resultados económicos e minimizalos riscos ambientais.

No relacionado coa difusión e concienciación social, avánzase na transmisión de información sobre todo entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental para o fomento das medidas preventivas da contaminación das augas, que continúa e que está a ser moi valorado polas empresas e particulares do sector primario.

O investimento previsto segundo proxecto para a comarca da Limia supera os 2 millóns de euros e a duración do mesmo é de 3 anos (2015-2017). 

Parabens á Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.