jueves, 8 de septiembre de 2016

Mentres outros bloquean a posibilidade dun goberno no Estado, a Xunta aproba un teito de gasto provisional para 2017 que achega certezas

Mentres algún adícanse a bloquear, impedindo, que haxa investidura dun goberno no Estado, o Goberno galego abordou no Consello da Xunta de hoxe a actualización - con criterios de prudencia - do cadro macroeconómico de Galicia para o período 2016-2017.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, en rolda de prensa,  anunciou a aprobación dun teito de gasto provisional para 2017, que autoriza a que os orzamentos autonómicos para o ano que vén crezan ata un 2,7% con respecto aos deste, ata situarse nos 9.039 millóns de euros.
Feijóo lamentou que este 2016 fose o primeiro ano no que Galicia, como as demais comunidades autónomas, non puido aprobar un teito de gasto, debido á atípica situación de bloqueo que está a vivir España. Deste xeito, levamos máis dun mes de atraso respecto ao que establece a Lei, que obriga a aprobar un teito de gasto antes do 31 de xullo.
“Estanse retrasando os presupostos galegos por motivos que nada teñen que ver coa realidade actual na Comunidade”, lamentou Feijóo, antes de engadir que “como comunidade autónoma non podemos asumir como propio o bloqueo que hai a nivel nacional e facerlle pagar aos galegos as súas consecuencias”.
Galicia segue crecendo:

Como paso previo á definición dun teito de gasto, o Goberno galego aprobou unha actualización do cadro macroeconómico, que prevé que o crecemento de Galicia en 2016 elevarase ata o 3%. “As previsións para o próximo ano 2017 apuntan a que o crecemento se consolidará”, sinalou o presidente. Así, despois de ter en conta un posible efecto negativo do Brexit, a media de crecemento deste ano e o seguinte estará no entorno do 2,7%, cando a previsión recollida no Plan Estratéxico de Galicia é dúas décimas inferior, xa que establece un incremento do PIB do 2,5%.
Esta evolución da economía tamén permite actualizar as previsións sobre o emprego, que contemplan que Galicia acabe o ano cunha taxa de desemprego do 17,4%, un punto menos do previsto, mentres que en 2017 seguirá baixando ata o 15,6%. Nos dous anos Galicia seguirá tendo unha taxa de paro menor que a media de España.
Un teito de gasto coherente:
Feijóo apuntou que o Goberno fixou “un teito de gasto para 2017 coherente coa mellor situación económica e coherente coa baixada do paro”. Estas contas públicas poderán traducirse en máis recursos para seguir baixando os impostos, seguir mellorando os servizos públicos, contribuír a mellorar os sectores produtivos e alimentar a innovación e a internacionalización da economía galega.
“No que respecta á Xunta, esgotaremos as nosas capacidades ao máximo para lograr que o próximo Goberno autonómico poida exercer o autogoberno coa maior responsabilidade cando se dean as dúas circunstancias necesarias: primeiro, cando se constitúa o novo Parlamento e se poida tramitar a Lei de Orzamentos, e segundo, cando a nivel nacional se desbloquee a situación para as CC.AA”, explicou o presidente.
Mentres o primeiro ten unha data establecida, o segundo non se sabe cando se vai producir, nin sequera se vai ser antes de que remate o ano. Por iso, Feijóo solicitou aos grupos do Congreso dos Deputados que presenten unha iniciativa para que o Goberno en funcións poida facilitar as entregas a conta e o déficit autorizado ás comunidades autónomas e así poidan aprobar as contas do ano que vén. “Como presidente de Galicia, eu xa non pido que se poñan de acordo para gobernar, pero si pido que cheguen a un acordo áxil e viable para deixarnos gobernar ás comunidades autónomas”, concluíu.
Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, indicou que a previsión de teito de gasto presentada hoxe é “unha estimación seria, prudente e realista”, e ten por obxectivo “achegar certezas” e facilitar a elaboración dos Orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio en todos os departamentos da Administración galega.
A miña satisfacción por estos acordos da Xunta e tamén o apoio a iniciativa que demanda do Congreso dos Deputados.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta