sábado, 28 de mayo de 2016

Galicia presente no proceso de actualización de Cuba

Saiendo nestra entrada a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Cuba.

Mantivo unha reunión co vicepresidente do Consello de Ministros, Ricardo Cabrisas, para facer un repaso pormenorizado de todos os sectores produtivos onde Galicia está exportando e avaliar, así, a posibilidade de que estas exportacións se poidan dirixir tamén a Cuba.

Feijóo trasladou a Cabrisas as capacidades dos sectores produtivos galegos: do sector agroalimentario, tanto no cárnico como no lácteo; do sector madeireiro; no ámbito da biomasa; no eido das TIC e da biotecnoloxía; e tamén as capacidades no ámbito das infraestruturas e da construción.

Nesta liña, agradeceu ao vicepresidente o seu ofrecemento para coordinar co resto dos ministerios as posibilidades de negocio e a concreción de investimento de compra e de venda. Non en van, Ricardo Cabrisas foi o encargado de asinar co ministro Luis de Guindos a condonación parcial e o establecemento da débeda de Cuba con respecto ao Estado español.
Ao longo do encontro, Feijóo referiuse tamén aos datos das exportacións en Galicia, “xa que os máis de 18.000 millóns de euros en exportacións –aseverou- son, sen dúbida, unha tarxeta de presentación dunha economía aberta, dunha economía que sabe vender e producir a prezo competitivo e con calidade contrastada”.
Tamén nesta visita o presidente da Xunta asinou  co Ministerio de Cultura de Cuba un memorando para consolidar os lazos históricos e culturais existentes entre o pobo galego e o pobo cubano.

“Estamos a falar, en definitiva, dun memorando para concretar distintas actividades de operadores culturais, de información e de traslado de distintas experiencias no ámbito artístico e audiovisual, entre Cuba e Galicia”, explicou, subliñando que entre as posibilidades que contempla o documento atópanse a cooperación, o intercambio e a capacitación de expertos, así como a catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial das comunidades galegas.
Cunha vixencia de catro anos, o documento prevé ademais a organización de exposicións de arte e a promoción e comercialización de obras de artistas cubanos e galegos como outras iniciativas que se desenvolverán en beneficio de ambas as dúas culturas.
Nesta liña, cómpre salientar que no prazo máximo dun mes, Cuba e Galicia reuniranse novamente para explorar todas as opcións que ofrece este novo marco de colaboración, e concretar as propostas que se levarán a cabo nas próximas datas.
Se ben os vínculos de afectividade e apego existentes entre ambos os dous pobos son sólidos e consistentes, este documento constata tamén que a construción de Galicia como nacionalidade histórica é froito, en gran parte, da actividade das comunidades galegas en Cuba, ao tempo que estas tamén foron parte da construción da nación cubana.
Este memorando pon de manifesto a relación privilexiada entre as institucións autonómicas e o Goberno cubano, e nun momento no que a illa está vivindo un proceso de actualización no que Galicia quere estar moi presente.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta